Sobe a produción industrial en Galicia

Acumula un incremento do 5,4% nos 11 primeiros meses, o segundo maior entre autonomías

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2019 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A produción industrial galega subiu un 0,9% en novembro de 2018 en comparación co mesmo mes de 2017, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estadística (INE). En cambio, o Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) en España baixou un 2,8% en datos interanuais, ademais de presentar unha taxa 6,5 puntos inferior á de outubro.

Indice de produción industrial en Galicia. EPDATA
Indice de produción industrial en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Deste xeito, a Comunidade galega é unha das catro autonomías con cifras positivas interanuais este mes. Canda ela, tamén están nesta listaxe a Comunidade Valenciana (+3,9%), Madrid (+3,6%) e Castela-A Mancha (+2,9%).

Deste xeito, Galicia acumula cinco subidas interanuais consecutivas, xa que o último dato negativo produciuse en xuño (-3,4%). Na media dos 11 primeiros meses do ano, Galicia acumula unha alza do 5,4%, catro puntos por encima da media (+1,2%). É a segunda maior taxa entre comunidades, só superada por Cantabria (7,1%).

Por sectores industriais, o maior crecemento lidérao a enerxía (+12,8%), seguida dos bens de consumo duradeiro (+3,9%). No outro extremo, baixan: bens intermedios (-4,2%), bens de equipo (-2,6%) e bens de consumo non duradeiro (-1,5%).

DATOS ESTATAIS

Co retroceso interanual de novembro en España, o terceiro máis pronunciado do ano 2018 tras o de marzo e setembro, a produción industrial regresa a taxas negativas logo de subir un 3,7% en outubro.

Por sectores industriais, todos eles presentaron descensos interanuais na súa produción, especialmente a enerxía, onde diminuíu un 5,5%. Seguíronlle os bens intermedios (-3,4%), os bens de consumo non duradeiro (-1,8%), os bens de consumo duradeiro (-1,6%) e os bens de equipo (-0,9%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial descendeu un 2,6% respecto de novembro de 2017, taxa 3,3 puntos inferior á de outubro e o seu maior retroceso interanual desde maio de 2013.

Os índices corrixidos de efectos estacionais e de calendario presentaron taxas anuais negativas en todos os sectores, encabezados pola enerxía (-5,6%) e os bens intermedios (-3%). Os bens de consumo non duradeiro recortaron a súa produción un 1,1%, os de consumo duradeiro reducírona un 1% e os bens de equipo, un 0,6%.

En taxa mensual (novembro de 2018 sobre outubro do mesmo ano), a produción industrial esborrallouse un 1,5%, eliminando os efectos estacionais e de calendario, a súa maior caída mensual desde o pasado mes de abril.

Todos os sectores presentaron caídas mensuais na produción. Os bens de equipo anotaron o maior descenso, un 1,8%, seguidos dos bens intermedios e dos bens de consumo duradeiro (-1,7% en ambos os casos), os bens de consumo non duradeiro (-1%) e a enerxía (-0,6%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta