Detido un home por delitos de ameazas e estafas en Ourense

Os feitos polos que está acusado ocorreron entre os meses de novembro e decembro nos concellos de Verín, Xinzo e Celanova. Ao parecer, facíase pasar por un "amigo coñecido ou membro afastado" e pedía cartos co pretexto dalgún problema familiar

Por E.P. | OURENSE | 11/01/2019 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense detivo a J.A.V.G., de 33 anos e veciño de San Amaro, como presunto autor de cinco delitos de estafa e outro de ameazas, ocorridos todos eles entre os meses de novembro e decembro do pasado ano nos municipios ourensáns de Verín, Xinzo e Celanova.

Membros da Garda Civil
Membros da Garda Civil | Fonte: GC

Segundo informou o Instituto Armado, o individuo presentábase como "amigo coñecido da familia ou membro afastado" ante persoas "preferentemente de avanzada idade" e co pretexto de ter unha continxencia familiar -avaría do coche, enfermidade dun familiar, apuro económico ou outra- esixía diversas cantidades de diñeiro que roldaban os 300 euros.

En máis dunha ocasión, destacaron as mesmas fontes, "o estafador chegaba a acompañar á vítima ao caixeiro do banco para retraer a cantidade".

Coñecida esta actividade fraudulenta por algunhas persoas, a través de redes sociais fixeron un chamamento aos usuarios, que foi respondido polo detido "con ameazas graves ás persoas que colgaran as mensaxes", destacou a Benemérita.

O home arrestado por delitos de ameazas e estafas, xunto coas dilixencias instruídas, será posto a disposición do Xulgado número 1 do Carballiño (Ourense).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta