Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2019 | Actualizada ás 15:06
O comité de empresa de Seaga, a empresa pública de extinción de incendios dependente da Consellería do Medio Rural, convocou para este luns unha concentración para reclamar "solucións" á Xunta para a "maioría" das súas 500 empregados, que "quedarán na rúa" tras a reestruturación deste servizo.
O presidente do comité de empresa de Seaga en Pontevedra, Josafat Pontes, recordou que no verán de 2018 a Consellería anunciou que, tras a reestruturación que incluiría a posible desaparición desta empresa pública, "non habería despedimentos" e os empregados pasarían a "ocupar prazas na Xunta". No entanto, denuncian que "agora parece" que estes postos "non son" para eles.
Pola súa banda, o presidente do comité na Coruña, Peter Brea, di "non entender que se lles diga que lles darán unha solución" tras o decreto de reestruturación, que pasaría por "integralos" na Xunta, e agora se lles bote "fóra sen dicirlles nada".
"A día de hoxe, non sabemos que vai ser. Solicitamos onte por escrito unha reunión co conselleiro (José González) e o director xeral de Función Pública (José María Barreiro) para que nolo expliquen", expresaron os representantes.
PIDEN "RESPECTO" Á SÚA FORMACIÓN
Ademais, Josafat Ponte pediu "respecto" á súa formación como "bombeiros forestais", pois rexeitan que sexan incluídos nas brigadas de limpeza de franxas de seguridade.
Así mesmo, os representantes dos traballadores de Seaga critican que "non poden acceder ás reunións" coa Xunta para tratar o alcance do decreto, xa que nas negociacións participan os sindicatos dos empregados públicos.
Tamén censuraron que as entrevistas concertadas coas autoridades "sempre se tiveron que forzar" a través de "protestas e mobilizacións", polo que a concentración do luns é unha forma de "empezar" con estas reivindicacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.