A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago nega "rotundamente" a morte de dous pacientes nos corredores das urxencias

Abre unha investigación interna para poder esclarecer os feitos, pero asegura que non recibiu ningunha comunicación oficial dos supostos feitos denunciados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2019 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago nega rotundamente a morte de dous pacientes nos corredores das urxencias do Hospital Clínico o día 2 de xaneiro, que denunciou Fátima Nercellas, médica de urxencias do CHUS e delegada de Prevención do sindicato Omega na xunta de persoal. Asemade, a dirección do centro asegura que non recibiu ningunha comunicación oficial dos supostos feitos denunciados.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

A xerencia expresa a súa "preocupación pola difusión deste tipo de informacións sen unha fonda investigación previa" e fai unha "chamada á responsabilidade para non causar unha alarma innecesaria na poboación". Por outra banda, indica que xa se abriu unha investigación interna para poder esclarecer os feitos.

"Todos os doentes son triados por profesionais sanitarios ao entrar en urxencias, do que deriva o establecemento da súa prioridade na atención. En ningún caso houbo doentes triados como urxencia vital esperando inadecuadamente a ser atendidos. Os doentes con urxencia vital non esperan e son atendidos na zona de críticos e de monitores, espazos que contaron con camas libres a disposición para ser ocupadas toda a tarde", asegura a xerencia.

Mantén, ademais, que "en todo momento houbo ocos libres" en diferentes espazos do servizo de urxencias, "como na sala de observación, curas, sillóns...". Amais, afirma que ese día "se reforzou a atención con máis persoal e estaban a disposición todos os espazos" e que "nas plantas de hospitalización tamén houbo camas dispoñibles en todo momento".

A xerencia salienta que no período vacacional de Nadal mesmo houbo unha afluencia de doentes "inferior á habitual nestas datas". Concretamente, di que houbo 587 doentes menos que no mesmo período do pasado ano, agás os día 26 e27 de decembro e o 2 de xaneiro, cando máis se superou a media diaria de atencións (325 doentes diarios de media ao longo do ano). O mércores 2 de xaneiro, segundo a xerencia, "deuse ademais unha circunstancia totalmente inusual xa que nun período de dúas horas, entre as 15 e as 17 horas, coincidindo ademais co cambio de quenda dos profesionais, entraron máis de 80 doentes novos no servizo de urxencias".

A xerencia subliña que o servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago está a ofrecer unha "asistencia sanitaria de calidade e axeitada aos doentes que acoden a diario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Braisiño

Que vai dicir a Xerencia, o SERGAS, ou Feijoo? Lo niego todo, diría o cantante Sabina. E esta noticia non tería que estar en cabeceira?

1 Gamela

Rematou o tempo do colaboracionismo cun Sergas Asesino! Todo o mundo sabe que os Xerentes do Sergas Minten e a súa única función consiste en facer da saúde un puro negocio privado !!! https://youtu.be/e85k0DfROJk ¿Agora a ver que fai a Fiscalía? ¿Arquivar a denuncia e dicir que os vellos teñen que morrer por vellos?