Defensa da Sanidade Pública ve de "extrema gravidade" a situación nas Urxencias tras denuncias de presuntas mortes

A asociación faise eco da denuncia no Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2019 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) fíxose eco da denuncia polo presunto falecemento de dúas persoas nos corredores de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela e cualificou a situación como de "extrema gravidade". Con todo, ninguén fixo aínda oficial esas mortes e a Xerencia négaas, xa que non recibiu comunicación algunha dos feitos denunciados.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Esta organización advirte de que, "no caso de que se confirmen", suporía a "corroboración" dunha serie de denuncias que realizaron nos últimos anos en relación con "que os recortes e privatizacións do sistema sanitario público en Galicia teñen serias repercusións sobre a saúde da poboación".

A asociación recordou "as grandes mobilizacións" de Vigo —o 27 de decembro— e Santiago de Compostela —o 10 de xaneiro— contra os recortes e destacou que "mostran a enorme indignación e rexeitamento social e profesional a esta política".

Ademais, censurou "a constitución dunha comisión integrada por persoal elixido a dedo para reformar o modelo de Atención Primaria en Galicia", así como "o anuncio de negociacións cos xefes de servizo dimitidos de Vigo", o que para o colectivo mostra o "enorme desconcerto e o nerviosismo da Xunta pola rebelión dos traballadores sanitarios".

Para rematar, reiterou o "chamamento" ao Goberno galego "para repor os recursos recortados, ampliar os persoais e abrir a negociación" dun novo plan de mellora da Atención Primaria. "Chamamos tamén aos traballadores para manter e estender a mobilización, en alianza coa poboación, ata que esa petición sexa atendida", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta