Temas: EN MAREA

En Marea, ao bordo da escisión co boicot dos críticos á nova coordinadora

O portavoz e vencedor das primarias insta aos ausentes do sector crítico a ter "lealdade" e a actuar con "responsabilidade" coa formación política e os seus votantes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2019 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

En Marea constituíu este sábado a súa coordinadora só con 11 membros afíns a Luís Villares, o portavoz e vencedor das pasadas eleccións primarias, que apelou aos integrantes do sector crítico que non acudiron a ter "lealdade" e a actuar con "responsabilidade" coa formación política e os seus votantes.

Foto dos integrantes da coordinadora de En Marea
Foto dos integrantes da coordinadora de En Marea | Fonte: Europa Press

Luís Villares, arroupado polos membros da súa coordinadora, todos eles integrantes da súa candidatura, quixo centrar o debate nas prioridades políticas do seu segundo mandato, co "relanzamento dos espazos de traballo" e "as mareas sectoriais".

Con todo, a elección da coordinadora queda lastrada pola ausencia de representantes do sector dos críticos, que presentaran unha candidatura encabezada polo ex-deputado no Congreso David Bruzos, apoiada por Podemos, Esquerda Unida e Anova, aos que derrotou a lista de Villares que obtivo o 60% do apoio dos inscritos.

A teima dos críticos por boicotear a nova coordinadora e non recoñecer os resultados das primarias deixa a En Marea ao bordo da ruptura, que se podería materializar se se pon en marcha o proceso de escisión que quere liderar Podemos, guiado desde Madrid e que sería apoiado polo resto do sector crítico.

Podemos chegou a convidar aos seus socios do sector crítico a establecer un "diálogo" fóra do partido instrumental para articular un novo proxecto sen contar cos afíns a Villares. Ademais, Esquerda Unida asegurou que estaba situada fóra do marco orgánico de En Marea antes incluso das votacións das primarias, porque estas se desenvolveron sen que existisen "condicións democráticas" e sen "garantías", defenden.

Na presentación da coordinadora este sábado en Santiago de Compostela, Luís Villares recoñeceu que non tivo ningún tipo de comunicación por parte dos representantes dos críticos, que xa non acudiron o 29 de decembro á constitución do Consello das Mareas, e dixo que "as case mil persoas que votaron" á lista de Bruzos non o fixeron "para que non asistisen ao Consello", porque se presentaron cun "programa electoral que non incluía abandonar o Consello": "Supomos que non había un programa oculto", suxeriu.

En todo caso, comprometeu "xenerosidade" e "man tendida" para integrar aos representantes da outra candidatura e alertou de que "unha chamada á ruptura sería unha chamada ao fracaso".

"Nós pensamos que ese non é o camiño, a xente espera de nós traballo e non espera ruído interno, xa que logo, unha chamada a acabar coas tentacións de ruptura", aportou.

Villares insistiu en que está "disposto" a escoitar as propostas dos críticos no marco do Consello e instou a non "maltratar" aos inscritos na formación rupturista.

"A xente pode decidir acudir ou non acudir aos sitios, é unha cuestión de responsabilidade e de lealdade, coa organización e cos que os votaron, non se poden desprezar e non se pode maltratar ás persoas inscritas facendo algo agora que non viña nos propios programas das candidaturas ausentándose dos órganos de dirección", remarcou.

Nesta liña, aproveitou para pór en valor o "apoio amplísimo" e "moi plural" obtido pola súa candidatura por parte de "espazos políticos nos que as súas direccións e cúpulas dicían non estar nesta candidatura", para reiterar que a súa proposta é de "portas abertas, fiestras abertas e casa ampla para que colla todo o mundo".

COORDINADORA

A coordinadora de En Marea está integrada por Luís Villares, portavoz, no cargo de Relacións Internacionais; Ana Seijas (Ames Novo), en Organización territorial e Municipalismo; Mariló Candedo, en Relacións interinstitucionais; Moncho Beiras, en Comunicación; Elena Cores en Loxística, produción e coidados e Adrián Dios, en Finanzas e Transparencia, e área de mocidade.

A continuación, figuran Peque González, en Coordinación de mareas sectoriais; Mónica Díaz, en Relacións cos movementos sociais e sindicatos; Xoán Losada, en Organización territorial e municipalismo; Xoán Hermida, en Análise política e estratéxica e Beatriz Gómez en Feminismo.

Temas: EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 vaiavaia

A culpa é da UPG!!!

3 limico

A culpa é da UPG!!!

2 Gamela

Pregunta: ¿trátase dunha errata ou é que a Ana Seijas de Ames Novo puxéronlle un gardacostas (Xoán Losada) por se acaso se desmanda o "Municipalismo" (doblete) ?

1 Gamela

Mentres Villares xoga ás Casiñas... esto é o que pasa na casa! https://cabozo.com/taboext.php?grup...

1 Un galego

Verdadeiramente de rupturismo si que saben... Matrícula cum laude. Iso si, os votantes pouco a pouco van ir mandándoos fritir espárragos.