As orixes romanas de Noia

A escavación dun castro en Taramancos saca a luz elementos romanos. O xacemento está ameazado pola construción da ponte da vía rápida sobre a Ría de Noia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/07/2011 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

Do xornal colaborador Certo

None

Segundo os arqueólogos que alí traballan, podería indicar que un dos estratos temporais atopados en Taramancos é da época romana, aínda que é probable que se superpoñan distintas épocas. De confirmarse esta orixe romana -algo aventurado polo de agora, pois están nos inicios dos traballos e teñen para dúas semanas máis polo menos- tería moita importancia histórica para un municipio como Noia, na que apenas se atopan vestixios de orixe romana no casco chamado histórico.

Case non se recollen nos escritores romanos Plinio, Pomponio Mela ou Antonino referencia algunha a Noia: os únicos recollidos nas últimas investigacións realizadas ao respecto refírense a uns pequenos restos de cerámica de orixe romana durante a rehabilitación dun edificio en Montero Ríos (a antiga drogueria de Molina), e algún resto menor na rehabilitación do edificio de Caixagalicia na Porta da Vila.

O eclesiástico, arqueólogo e historiador noiés Eladio Oviedo Arce referiuse no seu día a  importantes restos de orixe romana na Barquiña, pero non semella moi acreditado, e incluso algo esaxerado na súa descrición. Este estudioso foi un dos primeiros en liarse a manta á cabeza para declarar a Colón galego, como se pode ler no Boletín da Real Academia Galega.

O que tamén resulta moi importante son os depósitos de cunchas aparecidos, especialmente  cargados de ostras, berberechos e algo de ameixa, igualiño que noutros castros da contorna, como o de Neixón en Boiro ou o de Baroña en Porto do Son. Hai algunhas estruturas que están a chamar moito a atención aos arqueólogos, e non sería de estranar que nos desen unha grata sorpresa este verán.
De todos xeitos, os arqueólogos están a comunicar os seus descobrementos á Dirección Xeral de Patrimonio. O principal problema radica nos tempos da excavación xa que ésta depende da construcción da ponte e os tempos son moi curtos.

O castro de Taramancos na tradición oral

Hai unha arqueóloga que está a recabar lendas de Noia e en Taramancos escoitoulle a un par de vellas unha cantadela na que se fala dunha cidade asulagada na que se agocharía ouro para o que a conseguise desencantar. E ese desencantador, que precisa dunha verba máxica, tamén acadaría o posto de rei. A lenda ou cantadela á di así:

"Entre trancas e barrancas,
entre o pozo de Ferpilleira e Taramancos,
está enterrado o pozo de sete reinados
."

Outra xente maior da zona de Taramancos fala da existencia de "Arnoia", un asentamento previo á actual situación de Noia. Arnoia, nome de río galego, é un hidronímico común en Europa, en linguas prerrománicas.

Duras declaracións do alcalde

"Con respecto a todo isto do xacemento de Taramancos debemos tentar documentar ás presas todo o que poidamos os restos aparecidos, porque pode ser moi importante para o coñecemento da nosa historia. Porque, supoño que temos asumido, que nin que apareza a Arca de Noé vai cambiar a idea de meter a escavadora na zona. Un importante xacemento arqueolóxico non vai atrasar unha obra da Xunta. Se non valoran un monumento natural como a ría de Noia non imos pedirlle que valoren un xacemento arqueolóxico: total "son catro pedras"...", explica Rafael García Guerrero, alcalde socialista de Noia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Paulonoia

Se este fose un sitio normal, variariase o trazado da nova ponte que estan a construir, e exacavariase ao completo o castro... pero xa se sabe, nin Galica e moi normal, e Noia, por desgraza, menos... pero e algo que seria moi positivo o sacar a relucir este castro

1 Antonio M. B. M.

Catro pedras tamen había no castro do San Lois, cando o goberno Socialista destrueu o castro para poñer as antenas de televisión, e catro pedras había no hospital de peregrinos ou de afora sito na pedrachán cando o PSOE tirouno para ampliar a calle, sendo un dos poucos hospitais de peregrinos de Galicia, e na actualidade sería unha gran fuente de atracción turística.

1 Alfonso García

Argumentazo: e ti máis! Vaia país!