Música para rachar cos estigmas da saúde mental

Carlos Morales puxo en marcha o proxecto 'Disorders', un disco no que colaboran varias persoas de todo o mundo que conviviron con algún trastorno mental. O obxectivo é dar a coñecer estas situacións e romper co tabú existente arredor delas.

Por E.P. | MADRID | 14/01/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

'Disorders' é "moito máis ca un disco, é un proxecto colaborativo inspirado pola saúde mental". Así define Carlos Morales o proxecto artístico que el mesmo impulsou. Trátase dunha iniciativa multidisclipinar que pretende dar a coñecer diferentes problemas relacionados coa saúde mental. No disco participaron persoas de todo o mundo que coñecen de primeira man estas situacións, entre eles algúns galegos.

Carlos Morais, impulsor do disco 'Disorders'. FEAFES GALICIA
Carlos Morais, impulsor do disco 'Disorders'. FEAFES GALICIA | Fonte: Europa Press

Segundo ten explicado Carlos Morales, cada unha das cancións que compoñen o este disco está inspirada nun trastorno mental diferente, un tema tabú que este traballo pretende sacar á luz con normalidade, respecto, empatía e agarimo.

O punto de partida  é un disco de metal progresivo/ambiental composto polo propio creador e que conta, ademais, coa colaboración de músicos doutras bandas como Quaoar, Stoned at Pompeii ou Sweet Death. Así mesmo, as letras das cancións están escritas por persoas moi vinculadas aos problemas de saúde mental e que se prestaron a colaborar co proxecto.

Deste xeito, para a posta en marcha da iniciativa, Morales contactou con xente de todo o mundo que conviviu con algún trastorno mental. Eles foron quen plasmaron a súa experiencia en letras que falan sen reviravoltas sobre depresión, esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. "A experiencia de recompilar todas as letras foi indescritible", asegura o artista. Algúns deses colaboradores do proxecto proveñen da organización Saúde Mental Feafes Galicia, quen ilustraron varias das cancións que forman parte do libreto e a portada do disco.

Ademais, Carlos Morales puxo en marcha unha campaña de 'crowdfunding' co fin de dar visibilidade á iniciativa e recadar fondos para o movemento asociativo de saúde mental en Galicia.

Carlos Morales xa desenvolvera, hai catro anos, o proxecto 'Fear of Missing Out', unha iniciativa que tamén tiña o obxectivo de loitar contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental e dalos a coñecer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta