Ana Pontón pide unha convocatoria de 6.000 prazas "vacantes" no Sergas

Reclama a comparecencia no Parlamento do conselleiro en relación ás dúas mortes denunciadas no CHUS e insiste en pedir o seu cesamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2019 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao Goberno autonómico unha convocatoria pública de 6.000 prazas que, segundo as súas contas, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten vacantes para acabar así "cos malos tratos ao que a Xunta está a someter aos profesionais" e recuperar "a calidade da sanidade".

Ana Pontón, portavoz do BNG.
Ana Pontón, portavoz do BNG. | Fonte: Europa Press

Pontón sinalou que é necesario un plan para aumentar os postos de traballo e recuperar "todos aquelas prazas" que se foron amortizando durante a crise. "Para acabar coa precariedade non serve o contrato dun ano que acaba de presentar a Xunta porque, segundo os profesionais, é un parche que vai perpetuar a eventualidade e a precariedade", explicou en relación ao contrato estable para médicos de Atención Primaria presentado polo Sergas na Mesa Sectorial de Sanidade.

Neste sentido, Pontón asegurou que a deterioración da sanidade ten "responsables políticos", e sinalou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o "máximo responsable", xa que "leva unha década con recortes e con privatizacións".

CESAMENTO DO CONSELLEIRO

Por iso, pediu unha modificación das políticas actuais e o cesamento do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. "Isto sería un síntoma de que o Partido Popular realmente se toma en serio a sanidade e está disposto a rectificar", engadiu a portavoz do BNG este luns ante a prensa no Parlamento galego.

Así mesmo, desde o Bloque Nacionalista Galego preguntaron ao Goberno autonómico "que máis ten que pasar" para que rectifique a política sanitaria, referíndose ás denuncias dos profesionais de urxencias do CHUS de Santiago de Compostela tras a morte de dúas persoas este mes de xaneiro, que suman ao falecemento este verán dun home na PAC da Estrada sen recibir, supostamente, atención médica.

"A sanidade pública en Galicia está en risco, pero o presidente e o conselleiro néganse a aceptar a realidade e a súa estratexia consiste en negar os recortes, en atacar aos profesionais cando denuncian a situación crítica da sanidade, e facer que fan pero sen ser capaces de pór sobre a mesa soluciones", sentenciou Ana Pontón.

MÁS RECURSOS PARA OS CENTROS DE SAÚDE

Pontón apuntou que é necesario que a Xunta realice un cambio na política sanitaria galega que o dote de máis recursos para a Atención Primaria, xa que, en 2019, ten un orzamento de 188 millóns menos que hai unha década, segundo expuxo.

"Con menos diñeiro non se pode prestar un servizo mellor en Atención Primaria. Detrás deses 188 millóns están todos os pediatras, todos os médicos, todos os enfermeiros, todos os recursos que necesita a Atención Primaria e que neste momento non se teñen", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta