Denuncian o peche "sen avisar" da construtora Reycons, que deixa o persoal sen cobrar catro nóminas e sen paro

A CIG critica que a empresa, situada no polígono de San José en Nostián (A Coruña), deixa os traballadores sen "poder acceder ao paro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

A CIG denunciou este martes o peche "sen avisar" da construtora Reycons situada no polígono de San José en Nostián (A Coruña), que deixou os traballadores "atrapados" con catro nóminas sen cobrar e sen "poder acceder ao paro".

Reycons.
Reycons.

Segundo asegurou a central nacionalista, o persoal da compañía atopou as instalacións da empresa pechadas á volta das vacacións de Nadal. Pola súa banda, o empresario "non deu a cara nin atendeu as chamadas duns traballadores absolutamente desesperados", explicou o secretario comarcal da CIG-Construción, Mario Maceiras.

Ademais, proseguiu Maceiras, os afectados nin sequera poden solicitar a prestación por desemprego ou buscar traballo noutras empresas do sector, "xa que Reycons se nega a dalos de baixa na Seguridade Social".

Maceiras explicou que, dos traballadores da compañía que se atopaban nesta situación (seis ou sete), catro xa pediron a baixa voluntaria. Así mesmo, sinalou que o único contacto coa empresa era un empregado de oficina, "que xa deixou de contestar as chamadas".

Esta circunstancia, segundo apuntou a organización, causou que o persoal se vexa obrigado a seguir presentándose na porta do centro de traballo de xeito indefinido.

A CIG cualificou de "inhumana" esta medida coa cal o empresario "trata de abocar os traballadores, que levan anos prestando servizo para esta firma, a marcharse voluntariamente", o que suporía non só renunciar ás súas indemnizacións, senón tamén "perder o dereito á percepción da prestación por desemprego".

Ante esta situación, a central sindical advertiu que levará a cabo "todas as accións que sexan necesarias" para que a empresa cumpra coas súas obrigacións legais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta