Acusan a xerencia do CHUS de "falsear a realidade" sobre a morte de dous pacientes en Urxencias

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Clínico Universitario de Santiago acusa o Sergas e a Xunta do "linchamento institucional" da doutora que denunciou os feitos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/01/2019 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) acusa a xerencia de "falsear a realidade" sobre a situación vivida nos servizos de urxencias o día 2 de xaneiro e coa denuncia ante a fiscalía de dúas supostas mortes nos corredores.

Pacientes encamados e en cadeiras de roda nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Pacientes encamados e en cadeiras de roda nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS di ter "coñecemento da situación de colapso das urxencias" ese día, malia que a xerencia o nega. De feito, di, "cinco membros da asociación desprazámonos persoalmente ata o servizo e falamos cos pacientes que estaban en fila no corredor de acceso principal e no adxacente en padiolas e cadeiras de rodas, a maioría deles persoas de idade avanzada, algunha incluso nun estado lamentable con expresións de dor, e nun caso cun episodio de convulsión no propio corredor".

Segundo esta organización, había até 29 pacientes formando unha cola que "os auxiliares e celadores ían movendo a medida que o primeiro pasaba a un cubículo para ser atendido". E o tempo que se tardaba en chegar desde o último posto ata o primeiro era de "tres horas, como manifestaron os pacientes cos que falamos e que levaban agardando ese tempo", afirman. 

A asociación aproveita para recordar á xerencia que "ten a obriga de coñecer os procedementos utilizados na atención urxente, que o feito de que todos estes pacientes, ao igual que os que faleceron despois de permanecer no corredor, xa foran cualificados pola triaxe cunha cor que determina o tempo máximo en que deben ser atendidos en función da súa doenza, en ningún caso constitúe a atención por parte do facultativo que debe establecer o diagnóstico e o tratamento urxente e que nese día estaba demorándose ata tres horas con independencia do nivel de gravidade".

Neste sentido, contradí a xerencia, que asegura que os dous pacientes que presuntamente morreron nos corredores de urxencias o 2 de xaneiro foron atendidos en 9 e 14 minutos despois de chegar ao servizo. Segundo a asociación, esta afirmación "demostra un intento de evadir a responsabilidade mediante argumentos insostibles que retorcen o sentido e a realidade dos procedementos asistenciais".

"A triaxe non é atención urxente, senón clasificación de gravidade para recibir dita atención", engaden.

En terceiro lugar, os Pacientes e Usuarios do CHUS recordan que estes dous pacientes foran clasificados con cor amarela, polo que terían que ser atendidos nun prazo máximo de 60 minutos. Pero segundo esta asociación, os falecidos "no canto de ser tratados como pacientes de risco, foron colocados na cola dos corredores de acceso agardando horas a súa vez".

"A falta de atención no momento en que a mesma debía producirse pode constituír causa do falecemento por non aplicar medidas coa antelación requirida", proseguen.

Por último, critican que "se afirme sen rubor ningún que non eran necesarios ese día, e todos os días en que se producen colapsos do servizo, máis espazos para atender a demanda de asistencia urxente coa apertura da antiga sala de reanimación".

"Se realmente había ocos libres e eses fosen suficientes, que facían 29 pacientes nos corredores de acceso agardando horas para seren atendidos?", pregúntanse.

Para esta asociación, o Sergas só pretende cos seus argumentos "normalizar o maltrato asistencial e a vulneración dos dereitos recoñecidos pola lei a pacientes e usuarios".

Ante as evidencias que din ter comprobado, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS  expresa o seu "total apoio á doutora Fátima Nercellas", autora da denuncia desas dúas mortes e que "está sendo obxecto dun linchamento institucional por esixir responsabilidades a aqueles que coas súas decisións poñen en perigo a vida dos pacientes".

"Nós somos testemuñas presenciais das denuncias e avisos de colapso e maltrato asistencial que a doutora pon en coñecemento da xerencia e do Swergas, e, polo tanto, queremos manifestar o noso agradecemento público pola súa defensa incansable dos nosos dereitos", engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O SERGAS segue adiante coas súas maniobras escuras e segue MENTINDO !!! https://www.noticiasvigo.es/a-asoci... Agora os administrativos colaboracionistas van ser especialistas en Urxencias !!!