Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2019 | Actualizada ás 19:07
O portavoz do Partido Popular de Lalín (Pontevedra), José Crespo, presentou no pleno municipal unha moción para solicitar á Xunta e ao Parlamento galego que poñan en marcha a tramitación para que o Goberno do Estado ceda a Galicia a titularidade da AP-53, que une Santiago co Alto de Santo Domingo, tal e como fixeron coa AP-9.
O obxectivo, segundo o Partido Popular, é poder aplicar as rebaixas e bonificacións nos prezos dunha das autoestradas máis caras de Galicia e do Estado, "especialmente o tramo que afecta aos lalinenses, que o usan entre a peaxe de Silleda e as tres saídas de Lalín, onde no peor dos casos os nove quilómetros que se percorren entre os dous concellos chegan a custar 2,45 euros". Esta petición chega despois de que o ano arrincase con cobros indebidos nesta autoestrada, no tramo que une Silleda con Lalín, que foron corrixidos pola concesionaria tras instar o Ministerio de Fomento a emendar os erros denunciados por clientes.
O PP asegura que os actuais prezos "son un lastre para as empresas lalinenses e para as economías domésticas dos veciños", que "están a pagar uns desprazamentos, nalgún caso, tres veces máis caros que veciños doutros puntos de Galicia e do Estado". Ademais, o partido recorda que o Parlamento galego, deputacións e concellos afectados presentaron "numerosas e sucesivas iniciativas" para o cambio de titularidade da AP-53 á Xunta. O obxectivo é que unha vez que fose de titularidade autonómica "puidésense afrontar negociacións coa empresa adxudicataria para establecer rebaixas dos prezos e bonos de desconto".
ARRANXO URXENTE DOS CARRIS DEREITOS
Doutra banda, o PP insta o Ministerio de Fomento a que negocie coa empresa concesionaria da AP-53 o arranxo dos carriis dereitos mediante a substitución dos tramos de escasa adherencia que se colocaron e a instalación e activación da iluminación nos accesos e saídas do tramo estatal da autoestrada. Segundo explica, a deficiente adherencia dos carriis dereitos nestes tramos, foron reparados anteriormente cun firme máis adherente que ao principio "propiciou unha maior evacuación de auga".
Con todo, co desgaste provocado polo paso do tempo, "converteuse nun firme con escasa adherencia, moi baixa capacidade de evacuación de auga e mesmo nun perigo para os usuarios". Tamén pide que se arranxe "a nula iluminación nos puntos de saída e acceso á autoestrada" e resalta que no tramo autonómico desta vía, a AG-53 --libre de peaxe--, os accesos e saídas en Piñor, Carballiño e Maside "presentan unha iluminación nocturna que favorece a identificación das saídas e contribúe a facilitar as manobras de acceso e saída da autoestrada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.