O Colexio de Xornalistas expresa a súa preocupación pola situación laboral en La Voz de Galicia

Alerta da precariedade e destaca que cómpre facer unha aposta pola calidade “fronte a irreflexión e a inmediatez nas que podería derivar unha revolución dixital mal xestionada”.

Por Galicia Confidencial | | 17/01/2019 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere mandar unha mensaxe de apoio aos traballadores de La Voz de Galicia. Nun comunicado, expresa a súa especial preocupación pola situación laboral que se vive neste medio e transmite a súa solidariedade ao persoal logo de que a empresa presentara o plano de reestruturación que prevé despedimentos e recortes salariais.

Sede de La Voz de Galicia en Sabón, A Coruña
Sede de La Voz de Galicia en Sabón, A Coruña | Fonte: lourdesvirtual.com

Tal e como publicou Galicia Confidencial, a finais do pasado ano, La Voz de Galicia presentou un plano de reestruturación que contempla a integración das redaccións de papel e dixital, unha baixada salarial e a saída de 60 empregados mediante baixas incentivadas ou despedimentos. Mentres se producían as conversacións sobre este plano entre a empresa e o comité, a Corporación Voz decidiu despedir a seis persoas das delegacións da Coruña, Santiago de Compostela e Lalín, o que provocou paros o pasado xoves 10 en todas as delegacións de La Voz de Galicia. Ao día seguinte, eran despedidas outras dúas en Lugo e Monforte.

“A precariedade laboral e a redución de persoal nun medio de comunicación redundan claramente nunha perda de calidade da información e nun deterioro do xornalismo que se ofrece á sociedade”, apunta o Colexio. E sinala que no caso da Corporación Voz de Galicia, estas medidas propostas súmanse ás rebaixas salariais e baixas que xa sufriu o persoal nos últimos anos, e a peches de medios do grupo como o de V Televisión.

POTENCIAR A WEB

“A crise do xornalismo impreso e o impacto económico da falta de lectores non poden resolverse con menos xornalistas e menos xornalismo”, engade. Así, di que cómpre facer unha aposta pola calidade “fronte a irreflexión e a inmediatez nas que podería derivar unha revolución dixital mal xestionada”. Alude así ao cambio previsto por este medio que quere fortalecer a súa edición dixital.

“E para realizar unha información propia, rigorosa, diferenciada e contextualizada é preciso manter os cadros de persoal e non deteriorar as condicións nas que traballan os profesionais. A práctica contraria, a dos recortes nas redaccións e a replicación de informacións superficiais, aplicada por numerosos medios, tense mostrado incapaz de garantir a pervivencia nin do xornalismo nin dos xornalistas”, conclúe.

Por todo isto, polo futuro da profesión e para garantir a información necesaria para unha sociedade libre e plural, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación pola situación actual de La Voz de Galicia e solidarízase co persoal nas súas reivindicacións.

Galicia Confidencial súmase tamén ao apoio e respaldo aos traballadores e alerta de que as responsabilidades laborais do grupo mediatico, a súa liña editorial e a súa vinculación co PPdeG non son responsabilidade da maioría do colectivo de xornalistas que nel traballan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Neto

¿Onde están as asociacións de periodistas de A Coruña, Santiago e Lugo?