A Fiscalía apoia o peche do caso Angrois con dous imputados, o que situaría o xuízo máis preto

Solicita a desestimación dos recursos presentados polas partes procesuais. Subliña a actitude "neglixente" do maquinista e ve "indicios de criminalidade" no ex xefe de seguridade de Adif.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O fiscal do caso polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013 apoia o peche da instrución co maquinista e o ex xefe de seguridade de Adif como investigados.

Accidente dun tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente dun tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Nun escrito ao que tivo acceso Europa Press, rexistrado o 8 de xaneiro, o representante do Ministerio Fiscal, Mario Piñeiro, impugna os recursos presentados ao auto de peche polas partes procesuais, polo que solicita a súa desestimación .

De ser así (isto é, se se desestiman os recursos presentados tanto poloo avogado do maquinista como pola plataforma de vítimas, Adif e o propio ex xefe de seguridade da empresa pública, entre outros), os tempos acurtaríanse e o xuízo por este sinistro estaría máis preto de celebrarse.

Piñeiro subliña a actitude "neglixente" do maquinista Francisco Garzón ao "infrinxir" o principio "básico" de atención da condución. Asemade, apunta aos "indicios de criminalidade" existentes no que fora director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, a quen atribúe unha "comisión por omisión" por "non controlar o risco que supuña a transición significativa de velocidade que culminaba na curva" da Grandeira.

Se ben admite que uns recursos son "suspensivos e outros non", trátaos como "un todo unitario de diversas pretensións". Para rexeitalos, o fiscal baséase en que "non hai relación de accesoriedade" entre a conduta "omisiva" de Cortabitarte, "obrigado a controlar o risco" e "o risco xerado polo maquinista". A primeira "non interfire en absoluto" na segunda, sostén.

Así, defende que Garzón "tivo o dominio do feito". "Tiña que facer todo o que non fixo ese día e que realizou noutras ocasións en que circulou por esa mesma vía: ir minimamente atento e reducir a velocidade do tren onde o fixo sempre", di. Insiste en que "a súa capacidade de decisión e comportamento era totalmente autónoma e independente ás medidas de seguridade" e advirte: "A súa distracción ao teléfono creou un perigo".

En canto a Cortabitarte, resalta que "tiña que garantir que a liña era segura" e "non o era", senón que era "altamente vulnerable" no tramo no que descarrilou o Alvia. "Altamente vulnerable e perigosa ante o fallo humano", recalca noutro punto, para chamar a atención sobre o "deber positivo de actuación" que tiña quen segue sendo un cargo de libre designación en Adif. O risco, avisa a continuación, "non era tolerable".

OUTRAS CUESTIÓNS

Para a imputación do cargo de Adif,  o representante de Fiscalía cre que "non cambia en absoluto" se era necesaria ou non unha valoración de riscos "integral", con esa denominación; e tamén valora que  o consenso técnico non é "esencial para resolver a cuestión penal".

Por outra banda, rexeita, como indicou a defensa do condutor do tren en varios dos seus escritos, que exista un suposto delito contra os dereitos dos traballadores. Apoia, neste contexto, que o xuíz desestimase a práctica de novas dilixencias. 

Para rematar, refírese a un dos puntos polémicos na causa: a desconexión do sistema de seguridade ERTMS embarcado. "Non se acreditou", argumenta, que "interferise no nexo causal do accidente". Con esta breve explicación resolve un aspecto crucial, xa que é por esta desconexión pola que as vítimas ven responsabilidades no ex xefe de seguridade de Renfe, para o que tamén reclaman a calidade de investigado e que se lle abra xuízo oral.

AVOGADO DO ESTADO

Pola súa banda, o avogado do Estado, en representación de Adif, impugnou os recursos presentados polo resto das partes. Noutro escrito con data de principios de ano ao que tivo acceso Europa Press, xustifica que nin o ex director de seguridade de Renfe nin o responsable de seguridade de Adif na zona noroeste estean imputados finalmente.

En canto ao maquinista, estima que "non hai nin a máis mínima dúbida da responsabilidade que lle incumbe na produción do accidente" e atribúelle, de feito, unha "neglixencia groseira e patente". Os "intentos" de "descartar a súa responsabilidade", mantén, "non poden ser admitidos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta