A provincia de Pontevedra recibe o 40% das axudas alimentarias a persoas desfavorecidas do Goberno

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, informou este xoves de que o 40% das axudas alimentarias con cargo ao Fondo Español de Garantía Agraria que o Goberno de España distribúe ás persoas máis desfavorecidas de Galicia van parar a beneficiarios da provincia de Pontevedra.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, informou este xoves de que o 40% das axudas alimentarias con cargo ao Fondo Español de Garantía Agraria que o Goberno de España distribúe ás persoas máis desfavorecidas de Galicia van parar a beneficiarios da provincia de Pontevedra.

A subdelegada presenta as axudas en rolda de prensa. SUBDELEGACIÓN DO GOBIENRO
A subdelegada presenta as axudas en rolda de prensa. SUBDELEGACIÓN DO GOBIENRO | Fonte: Europa Press

Maica Larriba compareceu este xoves en rolda de prensa acompañada polo xefe da dependencia de Agricultura e Pesca de Pontevedra, Javier Seoane, para "pór en valor" este tipo de axudas "pouco visibilizadas", pero que supoñen un alicerce fundamental para moitas familias en situacións económicas delicadas.

Trátase de fondos financiados con cargo a axudas europeas --85% fondos europeos e 15% do Goberno estatal-- que se distribúen en toda España en base ás necesidades de cada territorio.

En total, o Fondo Español de Garantía Agraria, dependente do Ministerio de Agricultura, asignou a Galicia 4.322 toneladas de alimentos valorados en máis de 4,7 millóns de euros e deles unhas 1.700 toneladas distribuiranse na provincia. Supoñen máis de 1,6 millóns de euros en produtos dunha cesta básica que inclúe 14 alimentos, entre eles, arroz, cereais infantís, froita en conserva, leite, cacao en po, cereais, pasta, tomate ou xudías verdes.

A repartición realízase a través da Fundación Banco de Alimentos e as asembleas locais de Cruz Vermella e chegan a comedores sociais, concellos e diversas entidades sociais. En Pontevedra, hai 140 entidades beneficiadas, incluídos 32 concellos.

As estatísticas do Instituto Galego de Estatística (IGE) reflicten que a taxa de exclusión social na provincia é do 22,46 e na área de Pontevedra ten datos aínda máis altos, do 27,21%, indicaron.

A próxima entrega de comida realizarase a finais do próximo mes de febreiro e suporán en Pontevedra provincia 636 toneladas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta