Veciños denuncian "ataques" e "insultos" do portavoz de Democracia Ourensá

"Por que non renuncia ás subvencións que recibe do Concello e da Deputación de Ourense e mantense só coas cotas de afiliados?", espétalle a Agrupación de Asociacións Veciñais do Rural e da Periferia do Concello de Ourense Miño a Pérez Jácom.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

A Agrupación de Asociacións Veciñais do Rural e da Periferia do Concello de Ourense Miño, que agrupa a 21 asociacións e conta con máis de 5.000 socios, denunciou este xoves os "ataques e "insultos" de Gonzalo Pérez Jácome, portavoz de Democracia Ourensá, formación que conta con oito concelleiros na Corporación Municipal.

A Agrupación Miño de Ourense denuncia ataques e insultos do portavoz de DO.
A Agrupación Miño de Ourense denuncia ataques e insultos do portavoz de DO. | Fonte: Europa Press

Así as cousas, tres representantes da Agrupación Miño, José Manuel García Casares, Lorinda Fernández e Manuel Solveira, compareceron en rolda de prensa para criticar a actitude do concelleiro "cansados de aguantar o seu comportamento" e leron un comunicado para mostrar o seu malestar.

Neste sentido, lamentaron que Pérez Jácome "ataque de forma manipulada e falsa o labor das entidades veciñais" e cobre "por asistir a cada pleno co insulto, a humillación e os ataques persoais como única argumentación, moi lonxe do seu deber de defender o interese común da cidadanía".

Á súa vez, recordaron que as asociacións veciñais "existen e traballaron polos veciños das súas zonas desde moito antes" que ao portavoz de Democracia Ourensá ocorréseselle fundar un partido político". Ademais, aseguran que "suplen moitas veces a quen realmente tiña que solucionarlle os problemas".

Tamén denunciaron o "ataque" de Pérez Jácome no pleno do pasado luns 7 de decembro á "falta de representatividade" das asociacións, algo que consideran "curioso" polo feito de que "proveña de alguén elixido cada catro anos como representante", e proclamaron o fin "sen ánimo de lucro" destas agrupacións, que exercen "un dereito que a lexislación vixente ampara".

CRÍTICAS Á TRANSPARENCIA

Doutra banda, a Agrupación Miño sinalou que é "contraditorio" que o concelleiro de Democracia Ourensá "acuse as asociacións de non ser democráticas" mentres a transparencia e a democracia interna do seu partido "non existen máis aló das ocorrencias do seu líder totalitario".

Así mesmo, Lorinda Fernández deixou claro que a Agrupación Miño non responde a ningunha ideoloxía política, xa que deron guerra tanto cando estaba o Partido Popular no goberno municipal como cando estaba o PSdeG. Ademais, sinalou que, de non ser libres, dimitirían.

Nesta liña, expuxeron que "alguén que ataca ás subvencións alegando que as asociacións veciñais deben vivir das súas cotas non comeza por aplicalo ao seu partido" e preguntáronse "por que non renuncia ás subvencións que recibe do Concello e da Deputación de Ourense e mantense só coas cotas de afiliados". "A ver canto dura", engadiron.

"Non logramos entender como un partido político que ataca aos veciños e que fala de transparencia e de democracia non cumpre nada do que esixe ao resto", sinalou Lorinda Fernández. "Mentres as actividades subvencionadas das asociacións son fiscalizadas polo Concello e publicadas na súa web, o partido defensor de transparencia oculta a toda a cidade en que gasta os miles de euros que recibe en subvencións", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

din que as comparacións son odiosas... pero algúns deberan tomar nota! https://flic.kr/p/2cQ4ewW