Escrache diante da vivenda do conselleiro de Sanidade en Baiona

Un grupo de traballadores de ambulancias protestaron esta mañá diante da casa de Jesús Vázquez Almuíña, pedindo tamén a súa demisión.

Por Galicia Confidencial | Baiona | 17/01/2019 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

Traballadores/as e delegados/as da FGAMT-CIG do transporte sanitario mobilizáronse hoxe diante da vivenda do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, en Baiona. Reclamaban a súa intervención no conflito laboral aberto tras "a ruptura das negociacións do convenio colectivo". Dende a CIG adiantaron esta mesma semana que barallan "a convocatoria dunha folga no sector das ambulancias no caso de que a patronal non abandone a súa proposta de aplicar rebaixas salariais do 6-7% e sociais de arredor do 3%".

Escrache diante da casa do conselleiro de Sanidade
Escrache diante da casa do conselleiro de Sanidade | Fonte: CIG

Máis de medio cento de  persoas do sector da ambulancia participaron esta mañá nunha concentración convocada pola CIG ás portas do edificio onde reside o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuína. O obxectivo era sinalar a responsabilidade da Xunta na situación en que está o persoal das ambulancias. "Tres anos sen convenio colectivo e con condicións laborais de absoluta precariedade  con horas extras sen cobrar ou mal pagadas, sen os descansos nin as vacacións regulamentarias, con material e uniformes deficientes e con sobrecarga de traballo por falta de persoal".

As persoas concentradas pediron a demisión do conselleiro de Sanidade. O grupo de xente permaneceu por espazo dunha hora diante da vivenda de Almuíña, onde despregaron unha faixa e corearon outras consignas como “Conselleiro, escoita, ambulancias está en loita” ou “Xunta e patronal, culpábeis por igual”.

MANIFESTACIÓN

Ao remate da protesta saíron en manifestación até o centro de saúde da localidade "tras o que disolveron unha mobilización que se desenvolveu sen incidentes". Con todo, axentes da Garda Civil identificaron o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, e o responsábel do sector do transporte da CIG de Vigo, Carlos Martínez.

Dende a central responsabilizan directamente a Xunta do bloqueo do convenio, “primeiro por sacar contratos por debaixo de custo e logo por aceptar as propostas con baixa temeraria que presentaron as empresas para competir entre elas”. Ademais, para a central sindical nacionalista "a administración tamén é responsable de que moitas ambulancias circulen nas pésimas condicións nas que o fan pois nalgunhas chove dentro, outras cos escalóns para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida rotos, o que obriga a colocar unha caixa de cervexa para que suban”. Tamén denuncian que "o seu persoal con uniformes que non se desinfectan e poderían provocar un problema de saúde pública ou nalgúns casos nin sequera con uniformes para traballar".

“Unha situación que a Xunta permite, como permite tamén que se incumpran as plicas da contrata que obrigaban as empresas a renovar a flota de vehículos pero que, en lugar de facelo, estanse a intercambiar os coches unhas e outras”. 

REIVINDICACIÓNS

A CIG denuncia tamén que a  "isto hai que sumar agora a pretensión da patronal do sector de reducir os salarios un 6-7% e eliminar os complementos por IT; reducir días de asuntos propios; crear tres escalas salariais á baixa; e mesmo recortar en lavado de roupa e uniformes".

As reivindicacións dos traballadores/as resúmense en tres aspectos: incremento salarial mediante o recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra; reducir o número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e melloras en materia de saúde laboral, xa que mentres a media de baixas en Galiza é dun 5% neste sector malia a media de idade estar nos 40 anos, a media de baixas -na inmensa maioría por problemas músculo esqueléticos- é do 13%.

Polo tanto, no caso de que a patronal non atenda as reclamacións dos empregados/as e insista na súa intención de rebaixar o convenio un 10%, a FGAMT-CIG baralla convocar unha folga no sector, tal e como anunciou esta mesma semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ben feito !!! NON máis Colaboracionismo cos Xestores deste Sergas Asasino ! https://youtu.be/e85k0DfROJk