Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 18:59
A ampliación en 2017 da utilización do glifosato comercializado pola transnacional Monsanto por outros cinco anos máis, creou preocupación “pola constatación do coñecemento dos efectos nocivos do glifosato na saúde por parte da Monsanto xa dende a década de 1980” segundo o grupo GUE/NGL no que está a eurodeputada galega Lidia Senra. En febreiro do ano pasado o Parlamento Europeo decidiu crear o Comité Especial sobre o Procedemento de Autorización da Unión para os Praguicidas (PEST) para “elaborar un informe compendiando recomendacións para mellorar o procedemento de autorización da UE no referente a praguicidas”.
O informe Procedemento de autorización da Unión para os praguicidas foi votado e aprobado polo Parlamento europeo na sesión plenaria desta semana. Dito texto “avoga polo establecemento de mecanismos que garantan que o procedemento de aprobación de praguicidas da UE sexa máis transparente e independente”. Esta última mención fíxose “eco das dúbidas xeralizadas existentes con respecto á independencia, obxectividade e transparencia das avaliacións referidas ás substancias activas e aos produtos fitosanitarios na UE”.
A coordenadora do Grupo GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Lídia Senra, valora esta posición do PE como “un paso positivo e importante, agora toca realizar un seguimento exhaustivo de cara a confirmar se se van pór en marcha as recomendacións feitas no informe”. Senra quere dicir que deben atenderse “nomeadamente cuestións claras e concretas como que a Comisión e os Estados membro deixen de permitir a utilización de produtos fitosanitarios nos espazos públicos en xeral” e de xeito específico “nos parques e xardíns públicos, campos de deporte e áreas de recreo, escolares e de xogo infantil, así como nas inmediacións dos centros de asistencia sanitaria”.
PIDEN GARANTIR A AVALIACIÓN DE SUBSTANCIAS
O Parlamento europeo pide á Comisión e aos Estados membro que garantan unha avaliación das substancias activas e produtos fitosanitarios independente, obxectiva e transparente “que vele pola aplicación plena e uniforme dos criterios de exclusión por razón de perigo das sustancias activas que sean mutaxénicas, carcinoxénicas ou tóxicas para a reprodución ou que presenten propiedades de alteración endocrina”. Tamén pide que se apliquen debidamente “o principio de precaución, adoptando incluso medidas provisionais de risco para garantir un elevado nivel de protección da saúde humana”.
Desde o grupo GUE/NGL insisten en que “sempre se ten que respectar o principio de precaución, tanto para autorizar a comercialización de novos produtos como para impedir a prolongación de autorizacións de produtos que xa están utilizándose”. Piden ademais “que todas as fases do proceso de autorización sexan realizadas dende organismos públicos con medios propios, que podan garantir a súa independencia”.
A Comisión PEST recomenda tamén a maior limitación posible doutros produtos fitosanitarios sistémicos, incluso para o tratamento de sementes, se existe a posibilidade de que sexan un perigo para a saúde humana e o medio ambiente. A Comisión tamén pide “a creación dun sistema de vixilancia posterior á comercialización que garanta un seguimento continuo dos efectos do uso de produtos fitosanitarios na saúde humana, animal e no medio ambiente”. Conxuntamente reclaman a “realización por parte da Comisión Europea dun estudo epidemiolóxico que aclare os efectos na vida real dos produtos fitosanitarios no que respecta á saúde das persoas”.
ESTUDOS PAGADOS POR MONSANTO
Esta mesma semana o Grupo GUE/NGL “deu a coñecer os resultados dunha investigación impulsada pola eurodeputada Anja Hazekamp revelou que o “German Federal Institute for Risk Management (BfR), encargado de investigar os efectos do glifosato na saúde, copiou o 50.1% da súa avaliación de seguridade de estudos realizados pola propia Monsanto”. A isto engádese o agravante de que “procesos xudiciais como os postos en marcha nos EEUU están confirmando a manipulación que a empresa realiza destes datos”.
“Ata a propia Monsanto negouse a vir ao Parlamento o ano pasado a dar explicacións sobre a certeza de que dende principios da década de 1980 vén ocultando información ao respecto do seu coñecemento sobre os efectos canceríxenos deste herbicida que inda a día de hoxe é diseminado sen control nas nosas fincas e nas propias cunetas das estradas”, lembra a eurodeputada galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.