Alertan da posibilidade de sucidios polas dificultades para acceder á saúde mental en Galicia

A lista de agarda é de máis de 8.000 persoas. Un investigador denuncia o "racismo institucional" contra migrantes en Galicia, comunidade con máis vulneracións en 2018.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/01/2019 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

A psicóloga clínica do Sergas Rosa Cerqueiro alertou este xoves das "dificultades" existentes no acceso en Galicia a servizos de saúde mental, con persoais "baixo mínimos" e unha lista de espera de máis de 8.000 persoas. Un feito que pode provocar "feitos penosos", como suicidios.

Miguel Vieito e Rosa Cerqueiro na comisión alternativa da sanidade
Miguel Vieito e Rosa Cerqueiro na comisión alternativa da sanidade | Fonte: Europa Press

Na comisión "alternativa" dos grupos da oposición sobre os recortes da sanidade, Cequeiro denuncia esta situación pese ao aumento "máis acusado en Galicia respecto ao resto do Estado" na incidencia da depresión e a ansiedade, así como as mortes por suicidio.

Segundo os datos expostos por esta psicóloga clínica, un de cada cinco galegos padeceron algún trastorno mental -un sete por cento no ultimo ano-- motivado por cuestións como o alcol, trastornos afectivos ou ansiedade, entre outros.

Con todo, avisa de que hai unha "infrautilización" dos servizos, xa que tan só "un de cada tres" acoden para recibir atención, o que supón a metade dos casos de intensidade grave. Así, puxo o foco sobre o "problema de accesibilidade aos servizos de saúde". Expón que en xuño de 2018, segundo datos de Sanidade, esperaban por unha primeira cita no servizo de psiquiatría un total de 8.094 persoas, "un dos servizos con máis lista de espera".

Esta cuestión supón "un atranco máis", xa que os afectados "tardan en acudir e cando acoden teñen que esperar por unha lista bastante alargada no tempo". A isto únese a brecha de xénero existente, con especial incidencia sobre as mulleres.

SEN PLAN DE SAÚDE MENTAL

Esta problemática tradúcese en limitacións no acceso a hospitalización, altas precoces, curta duración de consultas, así como unha alta distancia entre citas de seguimento. Cerqueiro recriminou a "involución" neste ámbito en Galicia tras a "radical" suspensión do primeiro plan estratéxico de saúde mental existente na Comunidade ao chegar o PP á Xunta. Agora, explica que se retomou a elaboración hai dous anos pero se segue esperando por el".

E é que os persoais están "baixo mínimos", cun 68% do número de persoais recomendados, "falta un terzo", unido a un nivel enfermeiros no 50%. Especialmente "deficitaria" é a atención infantil, xuvenil e psicoxeriátrica. Todo iso, leva que "aumentan as posibilidades" de que se produzan "feitos penosos" como mortes por suicidio.

Deste xeito, trabállase con "entre un terzo e a metade" menos do necesario en ámbitos psicolóxicos, sociais e de recuperación funcional mentres se aposta por un "exceso de medicación". Nos últimos anos hai un aumento do 57% no consumo de ansiolíticos e do 210% en antidepresivos.

Finalmente, esta profesional chamou tamén a atención sobre a "violentación inaceptable de dereitos fundamentais" que se produce no hospital psiquiátrico de Conxo (Santiago), co uso de contención mecánica como castigo e o abuso de psicofármacos. Tamén recorda que xa levou a Fiscalía o emprego da contención mecánica no servizo de psiquiatría do Chuac.

"RACISMO INSTITUCIONAL" CONTRA MIGRANTES

A outra comparecencia desta tarde foi a do xurista e investigador de dereito da saúde Miguel Vieito, quen denunciou a exclusión para o acceso á sanidade dos migrantes que supuxo o decreto do Goberno popular de 2012, o cal terminou coa universalidade na atención baixo argumentos "falaces".

Así mesmo, censurou que "Galicia puido e non quixo crear unha lei garantista" para a atención dos migrantes, pero tan só optou por un programa no que as persoas tiñan que achegar entre "oito e dez documentos diferentes" para ter prestación.

Por iso, cargou contra o "racismo institucional" que observa en Galicia ao apostar por un sistema "opaco" e "complexo", nunha "deliberada e obsceno abandono de funcións" en atención a migrantes. De feito, expón que nese programa galego tan só entraron 1.900 persoas dos 9.000 potenciais a participar.

Segundo datos de Médicos do Mundo, entre 2016 e 2017 houbo 107 exclusións do dereito á saúde de migrantes en Galicia, con 69 casos que afectaron a mulleres. Ademais, Unicef sostén que é a comunidade con máis casos de vulneracións en 2018.

Ademais, reflexiona sobre que non se atende ás persoas ata o fin de proceso clínico, xa que a administración busca "confundir" cos conceptos de alta hospitalaria e médica.

Un dos puntos sobre os que Vieito cargou foi o dos avisos de facturación a migrantes pola atención a recibir, que é "un práctica habitual" e "inmoral", co fin de "crear un clima de medo". Como conclusión de que supuxo o decreto que acabou coa universalidade da sanidade reflexa o incremento do 15% de mortalidade en tres anos tras a norma, "con 70 mortos adicionais no Estado por culpa do decreto".

Por tal motivo, prevé un futuro "negro" para a sanidade dos migrantes, xa que o novo decreto do Goberno socialista non derroga o actual, senón que o modifica, pero "volve haber moitos problemas" sobre como van interpretar as comunidades o texto. Deste xeito, pide "empatía" aos gobernantes.

Finalmente, en alusión ás palabras de Feijóo na comisión parlamentaria da sanidade esta semana, Miguel Vieito avisa de que as súas non son críticas "destrutivas e inconfesables", senón que se basean en estudos de ONG e informes de organismos como o Defensor do Pobo.

"PUNTO E SEGUIDO" Á COMISIÓN

Pola súa banda, esta tarde a deputada do BNG Montse Prado avisou de que esta comisión "alternativa" non chega ao seu "punto final", senón que é un "punto e seguido", polo que haberá máis comparecencias. Os tres grupos da oposición coincidiron en que o aquí exposto explica o porqué do "veto" do PP a determinadas comparecencias na comisión parlamentaria.

Julio Torrado (PSDEG) lamenta que "hai unha realidade da sanidade que non se está tratando nas vías oficiais". Eva Solla (En Marea) reprochou a "privatización encuberta" da saúde mental en Galicia e preguntouse "que sucede coas máis de 7.000 persoas que queda fóra de cartón de beneficiencia" para migrantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta