Os despidos de xornalistas en Galicia e a súa invisibilidade absoluta por parte dos poderes públicos

Feijóo non ten problema e falar dos despidos en Alcoa, Meirama, Ferroatlántica ou Vulcano pero evita opinar sobre os EREs en grandes grupos de comunicación galegos –o último La Voz-- porque “non é a súa responsabilidade”, a pesar de destinar millóns de euros a estes grupos mediáticos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/01/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A política da Xunta é clara.  Cando unha empresa non cumpre, dicimolo, e cando a política enerxética do Goberno central é desordenada e improvisada tamén o dicimos”. Así se refería o presidente da Xunta en relación aos problemas laborais existentes en Alcoa, Ferroatlántica, Vulcano ou Meirama. Uns problemas laborais que para o PP e outros poderes públicos e partidos –incluídos os da oposición-- en Galicia hai que resolver ou, cando menos, buscar solucións.

Protesta dos traballadores de La Voz de Galicia
Protesta dos traballadores de La Voz de Galicia | Fonte: Comité de La Voz de Galicia

Pero cando se trata de despidos, e grandes, no sector da comunicación e, nomeadamente, no dos grandes grupos de comunicación de Galicia, a resposta deste poderes e partidos é ben diferente. “Sobre cuestións expedientes de regulación de determinadas empresas pregúntelle vostede a esas empresas”. Foi a resposta que o presidente da Xunta lle deu a este xornalista ao preguntar polos numerosos despidos de traballadores da comunicación. E, iso, a pesar de que as súas empresas reciben millonarias axudas das administracións, principalmente, da Xunta.

“Eu, desde logo, non vou a respostar porque unha empresa sexa de calquera sector, ou do seu sector, faga axustes de emprego ou contratacións novas ou xubilacións anticipadas. A min non me toca tomar responsabilidade sobre iso, xa sexan xornalísticas ou doutro tipo”, contestou xusto despois de referirse amplamente aos despidos dos traballadores de Alcoa, Ferroatlántica ou Meirama.

DEFENSA DA SÚA POLÍTICA DE PROPAGANDA

Con todo, o presidente galego, insistiu en defender as súas políticas en materia de publicidade institucional. Esas políticas que regalan millóns de euros aos grandes grupos mediáticos sen outra contrapartida que a de facer propaganda. E é que ese tipo de axudas non recolle ningún límite ou prohibición para evitar que se despidan traballadores.

“O que si insisto é que as nosas políticas en materia de publicidad institucional son claras. Remitímolas ao Parlamento galego e sacamos concursos públicos nos diarios correspondentes. E as nosas campañas de Turismo e resto de campañas se presentan medios nacionais, internacionais e galegos e adxudicamos en función dos pregos do concurso”, dixo.

Curiosamente, a Axencia Turismo de Galicia acaba de presentar o concurso para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2019 por valor de máis de 5,7  millóns de euros

Uns millóns que se suman aos case dous que a Secretaría Xeral de Medios repartiu de xeito directo o pasado ao aos grandes grupos mediaticos, deles, case 1,2 millóns á La Voz. Este grupo de comunicacion está inmerso nun segundo ERE para desfacerse de máis de 60 traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

No caso de Vulcano están pendentes dun crédito do Santander para sobrevivir 6 meses... Se é certo que a vicepresidenta de ZP regaloulle 2.600 millóns ao falecido Emilio Botín ben podía a filla do beneficiado soltar a pasta xa...! É de supoñer que no grupo Voz sucede algo semellante: se a Xunta solta outros 12 millóns de balde igual evitamos o ERE? Agás que o ERE de La Voz sexa outra cousa: unha purga interna...!!!