A CIG denuncia o "atraso" das axudas ao galego e o seu "recorte" de medio millón de euros

O sindicato denuncia que desta maneira os equipos escolares que levan o fomento do galego en centros de ensino non poden planificar o seu traballo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2019 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou o atraso da publicación das axudas para o fomento do galego por parte da Consellería de Educación, así como o mantemento "dos recortes de medio millón de euros para o seu financiamento".

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

Tal como sinalou a CIG-ENSINO, Educación continúa sen publicar a orde de axudas para a promoción do galego por parte dos equipos de normalización lingüística correspondente ao vixente curso académico, o que, ao seu xuízo, "impide a planificación anticipada e que se poidan materializar moitos proxectos por falta de tempo".

A CIG engadiu que este atraso se suma a que a convocatoria dos proxectos de innovación en normalización "aínda se fixo pública o pasado luns 14", polo que, segundo a central sindical, os equipos encargados nos centros educativos de fomentar o uso do galego "dificilmente poden planificar con anticipación o traballo que van realizar".

"O peor é que, como o resultado dos proxectos premiados e da asignación que recibirá cada equipo non se coñecerá ata ben avanzado o curso, pouco marxe de tempo queda para a súa materialización", criticou a central nacionalista.

CIG-ENSINO apuntou que esta situación se produce de forma intencionada por parte da Consellería de Educación, co que, engade, demostra que o fomento do galego "non está entre as súas prioridades". Ademais, a central tamén denunciou o mantemento da redución dos fondos nun 70% con respecto á dotación que se asignaba a esta partida durante o bipartito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta