Todo o que non son contas, son contos

Din por Estremadura que todo o que non son contas, son contos. Así que lembremos os feitos concretos: Feito nº 1.- O AVE galego foi un permanente engano durante os últimos 20 anos, con datas garantidas que nunca se cumpriron e que daban as obras por terminadas en 1993, segundo declaraba o ministro da época en 1988.

Por Xoan V. Mao | Vigo | 19/01/2019 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

En 2009, a Dirección Xeral de Ferrocarrís situaba o final dunha obra, iniciada en 1998, no 2013. Con sorte veremos o AVE por aquí a mediados do 2020. Desde entón pasaron 30 anos nos que os orzamentos se aprobaban, non se executaban, e volvíanse  aprobar ao ano seguinte, vendéndonos cada ano a mesma burra, coma se fosen burras distintas. E claro, nin pensar noutros investimentos, porque xa os orzamentos recollían moito diñeiro para o ave. “Manda huevos”, que diría Federico Trillo.

Tren Ave
Tren Ave | Fonte: renfe.es

Feito nº 2.-  O 8 de maio do 2018, o entón Ministro De la Serna comprometía co presidente da Xunta o estudo informativo das variantes Peares-Canabal e Monforte/Rubián, imprescindibles para que o AVE chegue a Lugo en tempo competitivo. 

Feito nº 3.- En novembro do 2000, o Ministerio de Fomento definía o Eixo Atlántico Ferrol-Tui, “en dobre vía electrificada, ancho normalizado europeo de 1.435 mm e velocidades entre 120 e 220 km/h” e estimaba o investimento en 80.000 millóns de pesetas, que equivalen a pouco máis de 480 millóns de euros. Estas actuacións no Eixo atlántico  tamén comprenden a eliminación do retroceso de Guillarei e a eliminación da estación en fondo de saco de Vigo, e a adecuación de vía entre A Coruña, Betanzos e Ferrol”. O Ministerio engadía: “Outra obra importante é a chamada Saída Sur de Vigo que permitirá converter a Estación de Vigo en pasante, enlazar directamente co Porriño e evitar o retroceso até Redondela no encamiñamento” dos trens cara a Tui e cara a Ourense?. O 13 de xaneiro do 2009 o BOE publicaba a saída a información pública do estudo informativo O Porriño-Valença do Minho, primeiro trámite do proceso. O 15 de xaneiro de 2009 a Xunta cualificaba de desfasado o prazo do 2015 que Fomento daba para o Vigo-Porto e ratificaba o 2013.  Maldita hemeroteca.

Feito nº 4.- Nunha entrevista co secretario xeral de Fomento, número 3 do Ministerio, o pasado decembro, constatei  que o actual Goberno non ten calendario para presentar o estudo informativo das variantes do tramo Lugo-Ourense nin da saída sur de Vigo. E iso que son obras cofinanciables pola Comisión Europea, polo menos nun 50%.

Non estamos a pedir obras novas, senón que cumpran o que estaba aprobado e comprometido. Porque a Galicia, non é que non lle dean infraestruturas novas. É que lle rouban as que xa estaban aprobadas. Así que aquilo que din algúns cataláns de que España lles rouba, é verdade pero en Galicia. España non, pero o Goberno español paralízanos o que gobernos anteriores aprobaron ou comprometeron. O humillante é que aos leais e constitucionais négannos infraestruturas básicas para financiar con ese diñeiro o 18% máis de orzamento aos desleais e insolidarios. Tomamos nota. Xa sabemos o que hai que facer se queremos investimentos. Con todo, a peor parte lévana os deputados que terán que pedirnos o voto en non moito tempo. A ver con que cara nolo piden. Só poderán argumentar uns que o piden para frear o ascenso do fascismo e outros para frear o ascenso de esquerdistas e separatistas. Saben o que lles digo? Eu votarei ao que me pida o voto para seguir vivindo como Deus, dándolle a unha chave e seguindo ordes dos seus xefes  sen replicar para que non o saquen da lista. Votareino por sincero. Polo menos.

Artigo realizado a título persoal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta