Reclaman que se recupere o seguro para afectados por accidentes marítimos

Aproamar critica que a Xunta eliminara a continuación da contratación en 2010, co que se deixou "sen protección" a moitas vítimas. Esa medida garantía cobertura económica para os damnificados ou as súas familias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2019 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional de Autónomos do Mar (Aproamar) reclamou á Consellería do Mar a recuperación do seguro colectivo para os damnificados por accidentes marítimos.

O barco 'Sin Querer 2'
O barco 'Sin Querer 2' | Fonte: marinetraffic.com.

A entidade denuncia que se eliminou a continuación da contratación en 2010, co que se suprimía "un dereito que tiñan todos os traballadores do mar", establecido durante o mandato de Manuel Fraga. Segundo explican, "permitía que as vítimas ou as súas familias non caesen en risco de pobreza ou exclusión social ao perder as súas retribucións obtidas polo traballo no mar".

A renuncia á celebración do contrato con entidades aseguradoras, a finais de 2010, por "supostas razóns de interese público", deixou "sen protección a moitas vítimas afectadas por afundimentos ou accidentes laborais de diversa índole no ámbito marítimo". Quedan "sen cobertura", por exemplo, aqueles casos de invalidez de mariñeiros, mariscadores, percebeiros, etc, así como axudas ou bolsas para fillos de profesionais falecidos, sinala a Asociación.

Aproamar "lamenta profundamente que a Consellería do Mar e a Xunta de Galicia, a pesar de cambiar o marco económico" con respecto a 2010 "non teñan especial sensibilidade" de recuperar este seguro colectivo. De recuperar iso, evitaríase a "presión á que se ven sometidos os afectados por negociacións que moitas compañías expoñen á hora de indemnizar" ou "sometidos a procesos xudiciais que se eternizan, como así parece que pode ocorrer, por exemplo, coas vítimas do naufraxio do buque Sin Querer II".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta