Vox ataca a normalización lingüística do galego

O secretario xeral de Vox introduce no seu discurso conceptos como a suposta "ideoloxía de xénero" ou a "imposición" da lingua de noso sobre o castelán. Foi nun acto celebrado en Ourense, no que decenas de persoas se manifestaron en contra do ideario do partido de ultradereita.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, reivindicou a suposta necesidade de que "se protexa o dereito a coñecer e falar o español" en Galicia e criticou as primeiras leis de normalización lingüística "promovidas por Fraga".

Ortega Smith, rolda de prensa en Ourense
Ortega Smith, rolda de prensa en Ourense | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa previa a un acto convocado na sede de Afundación de Ourense polo partido de ultradereita, censurou que as institucións, "especialmente o Partido Popular", fagan unha "estraña batalla" en relación ao español cando ninguén o "puxo en dúbida". Do mesmo xeito, mostrouse desconforme coas primeiras leis de normalización lingüística "promovidas por Fraga" e lamentou que, "desgraciadamente", este modelo se seguira noutros lugares como Cataluña, Baleares ou Valencia.

"Queremos que se protexa o dereito constitucional a poder coñecer e falar o español nas administracións e que os medios públicos se emitan español; iso non significa deostar o galego, pero o galego, parte da riqueza cultural lingüística española, ha de ter un encaixe dentro da educación do mesmo xeito que o español", defendeu, ignorando a verdadeira realidade lingüística que amosan as estatísticas.

Por poñer un exemplo, no recente 2018, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, emitiron un informe cuxas conclusións nada teñen que ver coas impresións vertidas polo representante de Vox. No estudo, alértase dos usos minguantes do galego nos últimos tempos, sobre todo entre a xente máis nova, dando lugar a unha fisura na transmisión xeracional. Os datos que ofrece o traballo mostraban que a porcentaxe de profesores que se dirixían aos alumnos unicamente en castelán era bastante superior aos que o facían en galego.

Por outro lado, Ortega Smith insistiu en que o PP de Galicia "se caracterizou ao chegar ao Goberno por apoiarse en galegos que reivindicaban protección en liberdade do español" e asegurou que "iso non ocorreu na educación, nas administracións nin nos medios de comunicación".

Así mesmo, Ortega Smith manifestou as intencións do partido en Galicia e Ourense acerca de "terminar cos tabús polas ideoloxías de esquerda", ademais de posicionarse en contra de "leis liberticidas" e supostas "ideoloxías de xénero". O partido, que demoniza o movemento feminista, defende a derrogación da Lei de Violencia de Xénero e non entende que o aborto sexa un dereito para as mulleres. De feito, entre as súas medidas está eliminar a posibilidade de decidir sobre o propio corpo neste sentido.

Ademais, o secretario xeral opúxose ás "falsas memorias históricas" e ao que deu en chamar  "imposicións lingüísticas".  Por outro lado, expresou que "hai que baixar a presión fiscal e terminar con todos os impostos confiscatorios, especialmente co de sucesións e doazóns", algo orientado aos herdeiros máis acaudalados, ademais de "cometer un apoio ao mundo rural".

"SOBRERREGULACIÓN" NO ÁMBITO RURAL

No tocante a ese ámbito rural, resaltou a importancia de "pór solución a un problema histórico e endémico", en alusión ao despoboamento. Propoñen "levar a cabo un proxecto que faga atractiva a volta a esta terra", pero coidan que existe unha "sobrerregulación en materias de urbanismo e ambientais" que supón "obstáculos" á hora de crear novas iniciativas.

A fío dos cambios do rural, sinalou que se debe "incidir" na creación de "comunicacións eficaces terrestres e dixitais" a través das novas tecnoloxías e a posta en marcha de "polos de atracción económicos" mediante "incentivos fiscais" para que as empresas "saian da contorna das grandes cidades e aposten polo investimento no campo".

"A voz de Vox en Galicia era descoñecida e estraña, pero ten razón de ser", di o representante do partido de ultradereita. "Galicia sofre unha das peores consecuencias do modelo autonómico. Queremos que Ourense sexa un lugar de desenvolvemento económico e prosperidade, necesitamos enraizalo dentro do mesmo proxecto nacional", subliñou.

PROTESTAS AO COMEZO

Á mesma hora da convocatoria da rolda de prensa de Vox, decenas de persoas manifestáronse na contorna do edificio para criticar os asistentes ao acto organizado pola formación. A mobilización supuxo que varias patrullas da Policía Nacional se desprazasen ao lugar.

Ante isto, Ortega Smith aproveitou para dicir que a súa formación defenderá a liberdade de expresión e de opinión política, así como o Estado de dereito, fronte ás persoas que pretenden que se suspendan os seus actos, algo que "adoita ocorrer no resto de España".

Congregáronse máis de 200 persoas no edificio de Afundación de Ourense para asistir ao encontro co secretario xeral do partido, das cales ao redor de tres decenas tiveron que quedar fóra ao encherse o aforamento da sala.

ELECCIÓN DE CANDIDATOS

Ortega Smith avanzou que o comité executivo nacional estableceu un sistema para a selección dos mellores candidatos a través dos procedementos internos establecidos para as eleccións municipais, autonómicas e ao Parlamento Europeo. O proceso prolongarase "ata abril".

"Queremos chegar ao maior número posible de municipios co maior número de candidaturas, haberá candidaturas nas capitais de provincia, nos municipios máis importantes e ao Congreso dos Deputados", destacou, para engadir que tamén contan formar listas para as autonómicas "cando se convoquen". Admitiu, aínda así, que "probablemente" non haberá candidaturas de Vox en todos os municipios, pero destacou que isto "non é prioridade neste momento", posto que o "importante" é centrarse só nalgúns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

8 e tres (o ultimo)

para gañar eleccions anque arruinen a todos... dalles igual as consecuencias que podan pasar, co discurso da intolerancia, racismo, ultradereitismo, pailandas de baixa estofa e outras trangalladas do carallo 29, istas xentes teñen que estar moi cargadas de ging-tonics ou de cousas piores... as chafalladas que din o mellor van ben na castellana, na calle serrano e o barrio de salamanca, pero Galiza e un pais de clase media e de traballadores as chafalladas de VO卐 serian a nosa ruina... nin os queremos nin os necesitamos que se marchen xa por onde viñeron!!!

7 e dous

e facer estragos nas propagandas de esquerdas polas ruas os anos anteriores promocionaron a certos elementos do podreiros e incluso foron a votacions do podreiros o alcalde de PPeroxas e cia, uns cristos tamen e meteron a falsos, pero que moi falsos "nacionalistas" polas eleccions para enganar e dividir os votos, conclusión deixaron o nacionalismo de bloque fora do concello, foi xogada deles do PEPEIROS, NON SE DEIXEN ENGANAR!!! O MELLOR PARTIDO E O BLOQUE o VO卐 e un tinglado de grandes empresarios, de circos mediaticos e xornais ultras que viven do conto e de grandes do estado, escomenzando polo rei de expañas, maximo responsabel do que pasa aqui, sacaronse a carouta de democratas desde o que pasa en catalunñas que teñen a xente xa alporizada por tanto e tanto abuso dos mandriles... xa digo e todo un invento estilo PRESIDENTE TRAMPAS E BOLSONEIRO

6 e un

Viron a ourense e andaba cheo o salon pero mais ben de pepeiros, e xente asi, chegou o dirixente "wilson" ou algo asi, todo moi expañol, e dixo que o expañol estaba mal que habia pouco e arremeteu contra a autonomia, e outras barbaridades coma cultura de tauromafias, falaban tamen contra as liberdades de mulleres e volver a tradición machirula e o programa economico claro e rotundo baixar os impostos si pero as grandes fortunas, non vaia ser que fiquen na miseria e na fame ou que non dixeron e tiveron moi calado son os cartos de financiación de mujaidines e arbismos do medio oriente, non dixeron nada... creo que blancuxearon bastante o pepeiro pois seica rematan por facelos de centro liberal despois de escoitar o VO卐, non creo que isto sexa o de Baltares ou que traballe con esta xente, fora do normal da intelixencia e o raciocinio, o Baltares anda metido noutros tinglados tipo adiante ourense ou asi, para sacarlle os votos o PE$oUME

5 Abelardo X del Caño

Non é un tema político, senón psiquiátrico! esta xente en Madrid, onde eu resido, queda internada en Centros para xente "especial" ou con taras. Pois tara é que non podas entender o idioma dos teus abós, vecinos e más da mitade da poboación que a fala, ainda en mínimos.

4 nostrus

Eu non creo que o galego desapareza e si o fixera seria porque a xente decide non usalo, ¿acaso deberíase obrigar a xente a usalo?. Tedes moi pouca fe no pobo galego que conservou a lingua moitos séculos. ¿Tedes a mesma mágoa pola desaparicion do latín ou por si desaparece a relixion ou a vendima?. Comprendo que o galego supon para algunhos algo sentimental e emocional, pero cada persona emocionase a seu modo, unhos o fan co galego, outros ca Virxe do Carme, outros co Barça, en fin, hai para todos gustos, pero do que se trata e de garantir que cada persona poda usar a lingua oficial que lle dea a gaña (incluido o galego) no ambito que lle dea a gaña.

1 uu1

Parabéns pelo seu otimismo, de seguro você está noutra situação e síntese satisfeito com o uso que fai e pode fazer da Nossa Língua. No meu caso, eu hoje em dia case não falo galego porque não tenho com quem falá-lo. Nalguns casos são por questão de idade, os velhos van morrendo, noutros é por perda de contato coa gente coa que o falava. Pero ademais, gostara-me saber como se pode ser galego falante com, dois canais de trinta na TDT, zero jornais em papel, poucos jornais digitais, zero revistas, zero filmes nos cinemas, poucas emissoras de rádio, etc. Eu senti-me galego, falando galego só quando estivem no Brasil. Em palavras de Castelao no Sempre em Galiza “volvíamos de Portugal…ledos de termos visto alí o noso proprio xenio en liberdade”

2 teutonio

A xente decide non usalo por unha serie de factores que dependen da lei e políticas aplicadas, e que por tanto establecen unha ou outra ideoloxía lingüística (supremacista ou ecolingüísta), favorecen o coñecemento, incrementan o prestixio, facilitan o uso en certos contextos ou tentan acabar con estereotipos e marcas negativas que reforzan a minorización do galego. O latín non desapereceu en Europa pra ser substituído por outras linguas, evoluiu convertíndose en varias linguas románicas. Se realmente queres que cada persoa use a lingua que lle dea a ganas tes que loitar por que a xente poida aprendela, dominala, sentirse cómoda pra usala, ter contextos nos que falala e non sufrir ningún tipo de marca negativa. E iso só se fai tendo políticas ambiciosas que logren unha igualdade de oportunidades pras dúas comunidades.