Villares confía en que todos os deputados de En Marea acaten a postura da dirección galega sobre os PGE

"Pablo Iglesias non é secretario xeral de En Marea, os cinco deputados [de Podemos] presentáronse baixo as siglas de En Marea", remarcou o portavoz da formación. De non mudar os Orzamentos destinados a Galicia, o grupo parlamentario votará en contra.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/01/2019 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, confía en que os deputados da formación no Congreso acaten a postura de rexeitamento aos Orzamentos Xerais do Estado adoptada pola dirección galega. Sostén que, "ata agora", non ten motivos para pensar que os representantes pertencentes a Podemos discrepen das súas directrices.

Luís Villares, portavoz de En Marea. RADIO GALEGA
Luís Villares, portavoz de En Marea. RADIO GALEGA | Fonte: Europa Press

"Pablo Iglesias é o secretario xeral de Podemos, non o secretario xeral de En Marea, e os deputados que forman parte do grupo parlamentario, que son cinco, presentáronse baixo as siglas de En Marea. Polo tanto as directrices que teñen que seguir son as de En Marea", incidiu nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press.

Neste sentido, ante posibles dúbidas sobre a postura que adoptarían os representantes de Podemos en En Marea no caso de que a formación de Pablo Iglesias apoie os PGE do PSOE, Villares asegurou non ter "ata agora, ningún motivo para pensar que fosen votar algo diferente do que establece a dirección de En Marea". E puntualizou: "Ata agora, levamos dous anos de lexislatura e nunca sucedeu".

O que si podería suceder é que En Marea rompa a disciplina de voto do grupo confederal de Unidos Podemos se as partidas consignadas para Galicia nos Orzamentos non melloran e se manteñen os "investimentos ridículos" do documento actual, que non permiten "vertebrar" Galicia nin "xerar riqueza".

Neste sentido, Villares apunta a que supoñen un 18% menos dos investimentos en Galicia dos últimos orzamentos,mentres que para o resto do Estado se incrementan nun 20%, co que a diferenza acumulada sería do 38%.

Cuestionado pola autonomía de En Marea no seo do grupo confederal de Unidos Podemos, Villares apuntou a que "dentro dos acordos estaba que o grupo parlamentario" da formación galega "tería dereito a establecer a súa propia disciplina de voto e o seu propio sentido de voto diferente do grupo confederal". Avanzou, pois, que "están dispostos" a recorrer a "ese mecanismo" no caso de que o acordo final dos orzamentos non responda as demandas incluídas na Axenda Galega do cambio.

CANDIDATOS EN 150 CONCELLOS E IMPULSO Á MARCA "EN MAREA"

De cara ás citas electorais de maio, o portavoz de En Marea anunciou que a esquerda rupturista presentará candidaturas en preto de 150 concellos, o dobre que hai catro anos. Como estratexia, ofrecerase a marca En Marea ás formacións locais para que poidan actuar cnha denominación común e lograr representación nas deputacións provinciais.

Tras cualificar de "anómalo" que non tivesen representación nos entes provinciais de Lugo e Ourense, mostrouse convencido de que "non vai haber nin unha soa marea que quede fóra desta proposta", aínda que sexa unha "proposta voluntaria".

En canto ás eleccións europeas, avanzou que a intención de En Marea pasa por repetir candidatura con Unidos Podemos pero rexeitou precisar quen serán os integrantes desa eventual candidatura, porque será nas "próximas semanas" cando se produza a elección.

Xa en clave de partido, tras a confrontación interna derivada das primarias nas que saíu reelixido como portavoz, Villares volveu tender a man aos membros da outra candidatura para que se integren no Consello, á vez que nega que haxa discrepancias no grupo parlamentario. Ante a pregunta de se se sente apoiado como portavoz parlamentario por todos os deputados, afirmou que "evidentemente" así o cre. 

SANIDADE

Para Luís Villares a situación da sanidade en Galicia será un dos argumentos fundamentais dos próximos meses, porque as políticas de recortes levan á sanidade galega ao "colapso". Na súa opinión, a "mala xestión continuada e recalcitrante", coa idea de recortar e privatizar en sanidade por parte da Xunta do PP, ocasionou "unha perda evidente na calidade do servizo" que carrexa "listas de espera interminables", "colapso de urxencias" e "derivación á sanidade privada".

"Os profesionais sanitarios non poden seguir traballando con falta de medios", sinalou, facendo referencia ás 6.000 prazas de profesionais sanitarios que, segundo os datos dos sindicatos, "foron destruídas nestes anos". Tamén demanda o incremento dos tempos de atención e a eliminación da "precariedade" que repercute na saúde dos cidadáns ante "unha mala xestión que corresponde de forma inequívoca ao PP".

O portavoz de En Marea pon en dúbida as propostas feitas pola Xunta para intentar buscar solucións ao problema, das que tamén "desconfían os propios profesionais", porque os sitúa "ás portas da escravitude laboral, pola área que terían que cubrir e as horas". "Non podemos ter sometido na precariedade laboral ao persoal sanitario", agregou.

Villares cuestionou tamén a afirmación desde a Xunta de que "non haxa profesionais", posto que cando hai oferta pública de emprego "hai máis opositores que prazas" e en Galicia formáronse profesionais MIR que "despois marchan porque non teñen alternativas laborais". "Non hai porque as políticas da Xunta abocáronos á emigración", censurou.

Con respecto á Comisión de investigación de Sanidade e á decisión da oposición de non participar, recordou que o PP vetou a comparecencia "esencial" de familiares dos falecidos da Estrada, que foi "unha consecuencia directa dos recortes". "Eu sempre lle preguntei a Feijóo, está vostede na pel da familia, pode facerse á idea de que chegue a un centro médico e que pase hora e media sen médico e a persoa acaba falecendo?", incidiu.

"O testemuño desgarrador das consecuencias dos recortes son algo que Feijóo non quere escoitar en sede parlamentaria e por iso nós non podemos lexitimar esa comisión. A min o testemuño de Feijóo paréceme secundario comparado co testemuño da xente que sofre os recortes de Feijóo", concluíu Villares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Respecto ao liderado de Villares En Marea habería moito que falar... pero facer de paraugas de tódalas Mareas e Confluencias baixo a marca En Marea para ter acceso ás Deputacións só servirá para aumentar o número de "mantidos" ... ¿Non quedaramos en que as Deputacións Provinciais non tiñan razón de existir? Seica imos entrando polo aro dos bandullos agradecidos... non si? Pero a un tal Rubén Pérez da Marea de Vigo (?) vaille vir moi ben para seguir outros catro anos de "figurante" na corporación de Abel & Cía ! Así como se elixen candidaturas tamén debera poder botarse aos que amosaron a súa total ineptitude para representar os intereses da xente! https://i.gal/gamela03

1 Gamela

NON máis Colaboracionismo cos Xestores dun Sergas Asasino e Mafioso! (Eloina Núñez) Pretenden que o Persoal de Servizos Xenerais PSX realicen o triaxe de Urgencias! Os responsables de tantas mentiras deberan ser denunciados ante los Tribunais de Xustiza (non deberamos permitir que os Cargos da Administración mintan impunemente) Os médicos deberan traballar mellorando os servizos e a calidade sanitaria mentres os políticos da "oposición" deben centrarse na eliminación do cancro destes xestores homicidas do Sergas! https://youtu.be/e85k0DfROJk