Caballero di que Feijóo está "máis preocupado polas súas alianzas con Vox" ca polos orzamentos

O secretario xeral do PSdeG criticou que o presidente da Xunta "vive fóra da realidade" e "perdeu o rumbo"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2019 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está "máis preocupado das súas alianzas con Vox que de traballar para aprobar uns bos orzamentos para Galicia".

Secretario xeral de PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG
Secretario xeral de PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG

Caballero advertiu que "o pacto con Vox que Núñez Feijóo aplaude leva á dereita galega a pactar con sectores políticos que están en contra do estado das autonomías e non queren entender o galeguismo nin o compromiso con Galicia".

Durante a súa intervención no peche do acto con motivo da visita da ministra de Defensa a Pontevedra, o líder dos socialistas galegos asegurou que o presidente da Xunta "sabe que se hoxe houbese eleccións autonómicas, non habería maioría absoluta" e por iso "empeza a buscar argumentos para ver que vai ocorrer co futuro do país".

Neste sentido, Caballero afirmou que Núñez Feijóo "insulta a intelixencia da cidadanía" ao dicir que "calquera goberno socialista" tería apoiado un pacto similar ao do PP en Andalucía con Vox. "Ningún dirixente socialista, nin Felipe González, nin Rodríguez Zapatero, nin Pedro Sánchez -por ideas, convicción e valores- pactaría coa ultradereita", insistiu o líder dos socialistas galegos.

Por iso, Gonzalo Caballero asegurou que Núñez Feijóo "vive fóra da realidade", argumentando que "ningunha dereita europeísta e moderada" actuaría como o PP. Ademais, "perdeu o rumbo", remarcou o secretario xeral do PSdeG sobre o titular da Xunta e presidente do PPdeG, porque "xa non está pendente dos temas que preocupan aos galegos, senón da axenda nacional, e abandonou o centro político e o compoñente galeguista do que sempre fixo marketing".

Caballero atribuíu esta situación ao "desmoronamento electoral" do PP que, no caso de Andalucía, accedeu ao goberno da Xunta "logo de perder máis votos e máis deputados". Así, sobre a Convención Nacional dos populares, destacou a reaparición de Aznar como "principal referente da dereita" e -parafraseando ao fundador do PP, Manuel Fraga- sinalou que o actual presidente do partido, Pablo Casado, "ten a tutela de Aznar e a súa tía política é Esperanza Aguirre".

ORZAMENTOS XERAIS

Gonzalo Caballero tamén denunciou a intención do PP de "frear o goberno de Pedro Sánchez sexa como sexa, e sexan os números que sexan", en referencia aos Orzamentos Xerais do Estado. Para o líder dos socialistas galegos, son "positivos para Galicia" e por iso "non lle gustan á dereita", á que acusou de desenvolver un "discurso falaz" e dar unha "visión nesgada da realidade".

Por iso, Caballero apelou a "non caer na trampa que o PP quere pór encima da mesa" debatendo sobre "números irreais, ficticios e nesgados", e comprometeuse a traballar para "mellorar o que sexa posible e conseguir uns orzamentos mellores" porque "hai marxe para facer incorporacións" antes da aprobación do documento definitivo .

"INTENSIDADE POLÍTICA"

Caballero augurou que virán "meses de alta intensidade política" e asegurou que "o PP deixa unha Galicia que vai a peor", en referencia aos dez anos que se cumpren desde que Feijóo accedeu á presidencia. Exemplificou a súa afirmación coa "precarización" da sanidade e os "mecanismos privatizadores".

Ao afirmar que a "etapa de Núñez Feijóo está pechada en Galicia", Gonzalo Caballero aspirou a "abrir unha nova", para a cal os socialistas din estar "preparados". Senten o  "impulso" para recoller os votos de quen apostou polo PSOE, os que están "cansados do PP" e os que apostasen polas "Mareas que non foron capaces de facer unha boa xestión onde gobernan".

O secretario xeral do PSdeG cualificou o seu partido como a "refencia do cambio", argumentando que o seu discurso "galego e galeguista vai a acantoar a Núñez Feijóo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ningún dirixente socialista... Zapatero por ideas, convicción e valores pactaría coa ultradereita? Emilio Botín era de esquerdas...? 2.600 millons de regalo non é pactar co banqueiro? http://www.galiciaconfidencial.com/...