As adegas rioxanas, "das máis beneficiadas" nas axudas da Xunta ao sector

As empresas foráneas quedan co 16% do orzamento das novas axudas de Medio Rural e cinco grandes adegas acaparan o 43%. O Sindicato Labrego Galego denuncia o "reparto inxusto" das subvencións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/01/2019 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

As grandes adegas son "as grandes beneficiadas" no reparto de axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña, "en detrimento das pequenas e dos viticultores e viticultoras". E, "de novo, A Rioxa levou un bo anaco do pastel". Esta é a denuncia que fai o Sindicato Labrego Galego (SLG).

Adega Mar de Frades.
Adega Mar de Frades.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución destas axudas o pasado 15 de xaneiro. Tratáse unha partida de 668.893 euros s repartir entre 59 beneficiaros Deses cartos, 46.242 euros foron caer a Ramón Bilbao, compañía rioxana que nas axudas da convocatoria pasada xa levara 156.710 euros, acaparando o 21% do orzamento destinado a esa fin en 2017). Este ano, como sinala o SLG, "acadou o terceiro posto no podio das subvencións máis grandes". Entre as axudas á reestruturación de 2017 e 2018, Ramón Bilbao suma 202.952 euros. Este grupo ten a Adega Mar de Frades, en Meis (Pontevedra).

O SLG destaca que no cuarto posto se sitúa a empresa Agrogalir, das adegas CVNE, tamén da Rioxa, que mercaron en 2017 Virxe de Galir, da Denominación de Orixe de Valdeorras, con 44.858 euros. Polo tanto, as adegas rioxanas son "das máis beneficiadas", denuncia o sindicato.

Tamén recibirán subvencións de Medio Rural González Byass (Xérez, Cádiz), con 8.983 euros, e Envinate SL (Albacete), con 5.069 euros. Todas estas empresas de fóra de Galicia quedaron con case o 16% do orzamento.

Ao analizar os primeiros cinco postos absolutos, en primeiro lugar aparece Lagar de Fornelos (Rías Baixas), con 105.179 euros; en segundo, Terras Gauda, con 51.159 euros, despois dunha axuda o ano pasado de 61.907; e tras Ramón Bilbao e CVNE, aparece Adegas Campante no quinto posto, con 38.320 euros (en 2017, levou 27.451).

En total, os cinco primeiros beneficiarios das axudas á reestruturación do sector vinícola en Galicia suman 285.758 euros, que supoñen case o 43% do orzamento destinado pola Xunta.

"REPARTO INXUSTO"

"Dende o Sindicato Labrego Galego xa temos denunciado este reparto inxusto dos fondos públicos que se está a utilizar para concentrar cada vez máis a produción vitícola en menos mans, favorecéndose o crecemento das adegas máis grandes que, de seguir así, terán cada vez un maior dominio sobre a produción, os prezos da uva, o mercado e o sector", explican desde o SLG..

O sindicato argúe que "as regras do xogo que impón Medio Rural condenan os proxectos de menor dimensión a ficar marxinados". Unha proba disto son as bases destas subvencións, "moi difíciles de cumprir e custear para as pequenas adegas e os viticultores e viticultoras".

Por exemplo, "a Consellería de Medio Rural obriga a encargar os traballos de nova plantación de viñedo, con independencia da superficie da que se trate, a unha empresa, co cal a cativa subvención á que podes aspirar, cobre unha parte ridícula dos gastos. As grandes adegas, pola contra, con persoal técnico en nómina e grandes sumas de capital para investir, téñeno moito máis doado", detalla o SLG, que advirte de que así "o abandono no sector vitícola seguirá in crescendo, como até agora, e as grandes empresas do sector acaparando terras e mercados en detrimento dun medio rural vivo con familias traballando e vivindo da terra e na terra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta