En Marea pide medidas que freen a acumulación "ilexítima" das multinacionais, en alusión a Alcoa

Logo de coñecerse os datos de Alcoa, que gañou un 4'6% máis no 2018, a senadora Vanessa Angustia interroga ao Executivo sobre se prevé abordar un plan de reindustrialización estatal

Por E.P. | MADRID | 21/01/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A senadora galega de En Marea Vanessa Angustia rexistrou na Cámara Alta unha nova batería de preguntas dirixidas ao Goberno do PSOE por mor dos últimos datos empresariais desvelados por Alcoa. Esa información revela que a multinacional gañou un 4,6% máis en 2018 ca no exercicio anterior, ata os 227 millóns de dólares (200 millóns de euros). Así, Angustia preguntou se se prevén medidas para protexer os intereses da industria española e os dereitos laborais fronte aos "procesos de acumulación ilexítima" das multinacionais capitalistas.

Concentración en Madrid dos traballadores de Alcoa. Eduardo Parra - Europa Press
Concentración en Madrid dos traballadores de Alcoa. Eduardo Parra - Europa Press

O informe elaborado por Alcoa tamén mostra que o grupo obtivo un beneficio bruto de explotación (ebitda) de 2.700 millóns de euros, un 27% máis que en 2017.  Fai referencia tamén ás súas previsións para 2019, entre as cales se prevé un aumento da demanda de entre o 3% e o 4%, aínda que recoñece que haberá un déficit entre a produción e a venda de aluminio de aproximadamente un 2%.

Entre outras cuestións, a iniciativa parlamentaria tamén fixo mención a se se conta  abordar un plan de reindustrialización estatal e, se é así, con que formulación contan, de que dotación económica constará e de que recursos técnicos e humanos.

Para Angustia, asumindo unha porcentaxe de ganancia, recoñecendo a falta de aluminio e o aumento da demanda, os argumentos de Alcoa quedan "superados" e desvélase a intención "real" de acometer un proceso de deslocalización para abaratar os custos, a expensas da ausencia de dereitos laborais e de controis ambientais, para continuar así co seu "proceso de acumulación".

Doutra banda, a senadora galega incidiu no feito de que, durante os últimos 10 anos, Alcoa recibiu axudas a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) para, entre outras cousas, paliar o aumento de custos eléctricos, pero que a multinacional non investiu nada en formación ou en mellora das factorías. "Todo iso mentres actuaba como un monopolio privado da produción de aluminio primario en España", engadiu.

Angustia tamén interrogou ao Goberno sobre se ten previsto pór en marcha medidas para protexer os intereses da industria en España e os dereitos laborais fronte aos "procesos de acumulación ilexítima" das multinacionais capitalistas.

Así mesmo, instou a que o Goberno garanta medidas que permitan a continuidade do emprego para todos os traballadores, dado que a día de hoxe seguen en perigo máis de 20.000 postos de traballo directos e indirectos. Ademais, pediu que aseguren a produción española de aluminio primario  fronte ao proceso de deslocalización proposto pola empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta