Alerta laranxa por temporal costeiro no litoral galego a partir desta tarde

Espérase mar combinada con ondas de cinco a sete metros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias activou unha alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará na tarde deste martes e que afectará a todo o litoral galego.

Frota amarra Europa Press - Arquivo
Frota amarra Europa Press - Arquivo

En concreto, segundo a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa comezará na tarde deste martes no litoral oeste e noroeste da Coruña e Lugo e estenderase durante a madrugada do mércores ata A Coruña e Pontevedra. En todos os casos espérase mar combinada con ondas de cinco a sete metros.

Ante esta situación, a Xunta aconsellou a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e os amarres das embarcacións.

Os peiraos e portos constitúen espazos de risco, recordou Emerxencias, que pide evitar percorridos polas instalacións portuarias, en especial no caso de diques de abrigo, diques ou escaleiras de acceso aos diques. Tamén recomendan evitar circular vehículos e aparcar nos portos na medida do posible.

Do mesmo xeito, aconséllase non pasear preto de bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, e polas proximidades de edificios portuarios, guindastres ou outras construcións que poidan sufrir desprendementos de estruturas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta