Imparten obradoiros de empoderamento feminino e novas masculinidades nun instituto de Ames

Está destinado ao alumnado adolescente do IES de Ames. O obxectivo é traballar a conciencia de xénero mediante dinámicas participativas e teatrais.

Por Galicia Confidencial | Ames | 23/01/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames, mediante o Centro de Información da Muller do concello (CIM), e a ANPA do IES de Ames poñen en marcha este xoves, 24 de xaneiro, unha serie de obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades destinado ao alumnado adolescente do centro. 

A RAG incorporou o termo apoderamento, no canto de empoderamento
A RAG incorporou o termo apoderamento, no canto de empoderamento | Fonte: Revista Moi

O obxectivo é traballar con eles a conciencia de xénero mediante dinámicas participativas e teatrais e que tomen conciencia dos roles sexistas que xoga cada persoa, comprender de onde veñen socialmente, e comezar a tomar conciencia de cando, como, e para que os utilizamos na nosa vida. 

Os talleres, que terán lugar os xoves de febreiro e marzo, en horario de 17.00 a 19.00 horas, irán destinados a que as mozas e mozos traballen de xeito conxunto "para desmecanizar o corpo e, así, conseguir desvelar a presencia de actitudes opresoras atendendo aos xéneros”, apuntan desde o concello. De feito, separarase o grupo por sexos e faranse dúas sesións diferenciadas.

Coas rapazas traballarase o empoderamento feminista, ao tempo que se lles ofrecen ferramentas en materia de prevención, autocoidado e autoxestión no ámbito da corporalidade; mentres que cos rapaces o traballo irá encamiñado a deconstruir e analizar as masculinidades hexemónicas. Para rematar, realizarase unha sesión conxunta destinada a traballar a convivencia positiva, as relacións de bo trato e o respecto.

REFERENCIAR O SEU CORPO

Ademais, o concello destaca nun comunicado que, ao longo de febreiro e marzo, pretenderase que as adolescentes teñan de referencia o seu corpo como “unha área básica e vital, e poidan incorporar unha identidade persoal á hora de relacionarse, tendo como referencia a corporalidade, a sensibilidade e a autoxestión”. Para iso, durante os talleres realizaranse exercicios adaptados cos que se traballarán aspectos como a flexibilidade, a forza corporal e a expresión de movementos para tentar corrixir as distintas descompensacións derivadas dos malos hábitos posturais.

“No tocante ás sesións dirixidas aos mozos, explorarase o que significa ser home na sociedade global de hoxe en día, como está relacionada co noso modo de vida e o que implica”, apunta. Así, “traballarase a apertura dos rapaces cara o bo trato consigo mesmos, como base dende a que impulsar ese trato en positivo co resto, desterrando as violencias machistas”, engade.

A este respecto, aconcelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, afirma que “a educación supón un verdadeiro investimento na prevención da violencia e no establecemento de relacións igualitarias entre homes e mulleres, e de aí que apostemos por este tipo de obradoiros entre a mocidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta