Enfermos de fibromialxia, fatiga crónica e sensibilidade química denuncian "discriminación" da Xunta

Reclaman un centro de referencia e equipos multidisciplinares, para atender ás preto de 33.000 persoas afectadas. E insisten en que se deixe de ver o seu problema como "psicolóxico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Varias decenas de representantes de asociacións de enfermos de fibromialxia, fatiga crónica e sensibilidade química múltiple concentráronse ante o Parlamento galego para demandar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) un proceso asistencial integrado, un centro de referencia e equipos multidisciplinares, para atender ás preto de 33.000 persoas que, segundo os seus datos, padecen estas doenzas en Galicia.

Protesta de enfermos de fibromialxia fronte ao Parlamento de Galicia
Protesta de enfermos de fibromialxia fronte ao Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

A protesta, convocada ás 11,00 horas pola Rede española para a defensa dos enfermos de FM, SFC e SQM, estivo tamén secundada por Acofifa --a Asociación coruñesa destas tres enfermidades-- e A.FF.O. Nas súas pancartas e camisetas, os participantes alertaron da "falta de tratamentos" e de investigación e reclamaron que se coordinen institucións e se promova un maior recoñecemento social.

As asociacións de enfermos criticaron que a Xunta de Galicia non apoiase unha proposición non de lei, presentada en novembro do 2018 polo Partido Socialista, na que se solicitaba que se implantase un proceso asistencial que dea continuidade á atención primaria e hospitalaria, se formase a profesionais para mellorar o diagnóstico destas enfermidades e se apoiasen liñas de investigación para loitar contra as enfermidades de dor e minoritarias.

A portavoz da Rede, Marisol Morais Cañás, denunciou que o rexeitamento a esta petición e a realizar melloras no servizo actual deixa aos enfermos galegos en situación de "discriminación" en comparación co resto de comunidades, ante protocolos que proceden de "2012" e que se quedaron "obsoletos".

Como exemplo, sinalou que os profesionais de atención primaria "recibiron só unha formación dun curso de oito horas" en relación a estas doenzas, "tan complexas e incapacitantes". Neste contexto, solicitou a creación dun centro de referencia "como xa hai noutras comunidades autónomas", así como a implantación de campañas de sensibilización entre os cidadáns. "O que sae á rúa é que temos enfermidades psicolóxicas e iso non é verdade", incidiu.

SÍNTOMAS

Os síntomas das persoas con fibromialxia son múltiples. Aínda que o principal é a "dor", en moitas ocasións tamén manifestan "síntomas de fatiga crónica e de sensibilidade química", "alerxias, colon irritable ou hemicrania".

Aínda que son enfermidades diferentes, a súa forma de presentación e síntomas son "similares no seu diagnóstico clínico", con consecuencias "invalidantes" para o traballo e as tarefas cotiás e cuxos tratamentos se limitan con escaso éxito a aliviar os síntomas de ambas as patoloxías", segundo recollía a iniciativa presentada no Parlamento.

A Rede española para estas enfermidades confrontou a negativa á proposición que recibiron na Xunta de Galicia, fronte o apoio obtido na Coruña á moción presentada no Concello, hai unhas semanas, na que se reclamaban as melloras propostas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta