O Parlamento galego insta o Estado a negociar o traspaso de competencias pendentes a Galicia, como fai con Euskadi e Cataluña

A oposición critica que Feijóo lograse "cero transferencias" e o PP avisa de que Galicia "non pode ser menos" que outras comunidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

Os catro grupos con representación no Parlamento de Galicia acordaron instar o Goberno do Estado a negociar o traspaso de todas as competencias pendentes a Galicia despois de que o presidente Pedro Sánchez se comprometese co seu homólogo vasco, Íñigo Urkullu, a transferir 33 competencias ao Euskadi.

Reunión da Comisión Institucional da Cámara galega. PARLAMENTO DE GALICIA
Reunión da Comisión Institucional da Cámara galega. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG alcanzaron o acordo na Comisión Institucional a raíz do debate dunha iniciativa dos nacionalistas galegos que, inicialmente, esixía demandar ao Executivo central o traspaso das competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá. Ademais, a proposición non de lei tamén esixía dotar ao Corpo de Policía de Galicia das funcións contempladas na Lei de Policía aprobada polo bipartito en 2008.

"Feijóo ten o triste balance de cero competencias en dez anos de goberno e iso a pesar de que durante a maior parte dese tempo gobernou en Madrid o Partido Popular", manifestou Luís Bará (BNG), que criticou que, mentres se abre o debate sobre o traspaso de competencias ao País Vasco e a Cataluña, "Galicia está fóra".

Tras a intervención do nacionalista, a parlamentaria do PSdeG Patricia Vilán trasladou a disposición da súa formación a apoiar a petición do Bloque e propuxo a posta en marcha dunha comisión de estudo na Cámara para debater a proposición de lei orgánica que iría ao Congreso para lograr o traspaso destas transferencias de tráfico.

O PP, PARTIDARIO DE NEGOCIAR "TODAS" AS COMPETENCIAS

Pola súa banda, a deputada do PPDEG Paula Prado recordou que os populares galegos levaron no seu programa electoral para as últimas eleccións autonómicas o compromiso de promover a negociación das transferencias que "ata agora quedaron relegadas" debido a "as limitacións orzamentarias que dificultaban o seu financiamento".

"Na época de crise ocupámonos do urxente e deixamos de lado o importante, pero seguimos considerando importante esta transferencia de competencias e por iso propuñamos recuperar os traspasos pendentes", manifestou Paula Prado, que citou, ademais da autoestrada AP-9, a inspección de traballo, as competencias de ordenación do litoral ou as relativas á inspección e vixilancia pesqueira, entre outras.

"Se o País Vasco pode ter 33 competencias nun ano, Galicia non pode ser menos", asegurou Paula Prado, que criticou que por enriba de sufrir os "orzamentos da ultraxe" Galicia teña que padecer "unha marxinación maior en relación ás competencias". "Non nos podemos quedar fóra desa negociación e temos que ter os mesmos dereitos que o País Vasco e Cataluña", indicou.

Para rematar, tamén apoiou a iniciativa o grupo de En Marea, cuxa deputada Julia Torregrosa cualificou de sorprendente o discurso efectuado por Paula Prado (PPdeG), á que volveu a recordar que desde 2008, con dez anos de goberno de Feijóo, hai "cero traspasos a Galicia".

En concreto, o acordo saínte pide á Xunta que demande ao Estado a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias co obxectivo de levar adiante todas aquelas xa reclamadas, así como as novas que o Goberno galego considere convenientes contemplando aquelas que xa foron transferidas ou se están negociando con outras comunidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xos

Q sinvergonzas iste papaventos de la xunta,agora axiliza,para ver q fai, antes con Raxoi era o campeonísimo dos recortes,e de aí esas mortotes coma a da hepatite C, agora qeren dar a ver q piden e q fan,cando estiveron destruindo todo o q lles olia a país.....caraduras q vos dennnnnn....