Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 21:20
O histórico dirixente nacionalista galego Xosé Manuel Beiras chamou "nazis" a Vox, un partido que, ao seu xuízo, "nun país democrático" sería ilegalizado por ir "contra a Constitución e os Dereitos Humanos".
Así se expresou o referente de Anova, que este mércores rompeu o silencio que mantiña desde hai meses. Acompañado polo portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, Beiras censurou que a "brunete mediática" trate de "blanquear" o "fascismo" do partido que dirixe Santiago Abascal.
Por iso, chamou ás forzas de esquerda a "tecer alianzas alternativas" fronte ao "auxe da extrema dereita". "Se non o facemos, de aquí á volta do verán poderán acabar cazándonos como coellos como fixeron no 36, aínda que o fagan doutra forma", apostilou.
Neste sentido, comparou a ilegalización de certas forzas políticas co "que se lle permite a Vox, que viola a Constitución e os principios da Declaración dos Dereitos Humanos". "Debería estar ilegalizado", remarcou Beiras en referencia a Vox.
"Hai que dicilo ben claro: hai un inimigo principal e xa non é o xogo bipartidista. Agora o problema é o cambio de eixo que houbo na plutocracia, na gran banca, no Ibex 35 ou os poderosos do FMI", teorizou Beiras, que cre que existe un xiro dos poderes fácticos cara a "o fascismo".
"Chamémolo polo seu nome", exhortou o cofundador de Anova, que sostén que o pacto dos partidos de dereita posto en práctica en Andalucía é "unha hidra de tres cabezas" á que "a esquerda ten que adiantarse" para "non lamentarse despois".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.