A herdanza das alforxas enzoufadas

“Súpeto, vin que o can encollía o rabo entre as pernas, agachaba as orellas, por un intre fitaba para un ponto indefinido e saía a mea carreira coa barriga achegada ao chao.” (Arraianos, Xosé Luís Méndez Ferrín).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 23/01/2019

Comparte esta noticia
Malia a teimosía de políticos e medios de comunicación sistémicos, afanados en persuadirnos de que a historia do posfranquismo é así, tal e como eles nola contan, o certo é que non cómpre moita sabedoría para concluír que, ao morrer o ditador, todos –ou case todos– presentiron unha certa dose de orgasmo mental, con aquilo que lle deron en chamar a transición. Uns, pola présa en gozar do legado político que aquel sátrapa e os seus esbirros amorearan durante a ditadura. Outros, pola ansia de repañar as migallas que desbotaran os xenuínos herdeiros das alforxas enzoufadas. 
 
Que os pais da dereita que padecemos se comportaran así, era evidente. Pero, que os líderes demócratas –progresistas?– deveceran por ser meros usufrutuarios da herdanza envelenada, no canto de rexeitala e axudarlle á xente a reivindicar a plena propiedade dos seus dereitos inalleábeis, só podía levarnos a este cortello escuro e lamacento, no que exercer de cidadáns sempre está supeditado ao azar das apalpadelas. 
 
Por iso, se hai suxeitos revirados que culpan ao Procès do rexurdir de Vox, non tardarán en agromar outros, dispostos a afirmar que Marine Le Pen é neta (política) da Pasionaria. Se en España reina tanta marcha extremosa, non pode ser culpa da condición plurinacional do Estado. É da insolencia que hai no papo de Abascal. É do bafo rancio que emana da gorxa de Casado e Rivera cando ladran. É polo cariño que lle profesan PP e C´s a Vox. É, en fin, polo vínculo de consanguinidade que une a eses tres, malia a pose de querer embobarnos coa leria barata de que non son máis ca cuñados. 
 
Pero no rebrote da extrema dereita –ou do ultranacionalismo español– hai outra causa esencial: a continua claudicación da pseudoesquerda, que adoece por arremedar incondicionalmente os postulados cavernícolas da dereita española.
 
Ah! O meu tío Lisardo pensa que, ver a Borrell á cabeza dos actos da Societat Civil Catalana, escoitarlle a García-Page dicir que Rivera podía ser do PSOE e que hai que ilegalizar aos partidos independentistas, ou pillar a un tal Lambán buscando inimigos da democracia no nacionalismo, debería incitar á esquerda real –se a hai– a tapar o nariz, para evitar que semellantes actitudes nos acaben revolvendo o estómago.
 

O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162
O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.