Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 14:40
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou que "é o momento" de expor a transferencia de competencias a Galicia como consecuencia da "receptividade no Goberno central a discutir a descentralización". Pola súa banda, a líder do BNG, Ana Pontón, mostrou a súa satisfacción polo "xiro" do PP galego á hora de reclamar ese traspaso de competencias, despois "de dez anos sen que solicitase ningunha".
En declaracións aos medios este xoves, Leiceaga criticou que o autogoberno galego leve "anos bloqueado" xa que, segundo lamentou, durante a etapa de Mariano Rajoy como Presidente do Goberno "non quixo entrar a discutir ningunha transferencia e o señor Feijóo tivo unha actitude pasiva".
Fronte a iso, o socialista manifestou que "co novo Goberno ábrese unha nova oportunidade" e puxo como exemplo "a discusión no Congreso sobre a transferencia da AP-9". "O autogoberno de Galicia ten déficits de competencias, que pode ser o momento de expolas, dado que hai receptividade no Goberno central a discutir a descentralización", profundou.
Nesta liña, Xoaquín Fernández Leiceaga recordou que "hai un documento de 2005 no que se reclamaban 70 competencias" e que "poden ser unha guía". Concretamente, sinalou que van privilexiar" a competencia de tráfico, cun "pronunciamiento unánime do Parlamento de Galicia", tal e como remarcou. De feito, na mañá deste xoves os socialistas rexistraron unha iniciativa lexislativa para remitir ao Congreso dos Deputados para que "as competencias en materia de tráfico pasen a Galicia".
CAMBIO DE POSTURA DO PPDEG
Preguntado polo cambio de postura do PPdeG, Leiceaga opinou que o feito de que a formación galega "sexa pasiva cando ten un goberno amigo en Madrid e reivindicativo cando é de signo contrario, é algo habitual".
No entanto, fuxiu de "valoracións políticas" e remarcou que para que "as transferencias sexan exitosas é necesaria unha base de apoio ampla en Galicia", polo que "o PP é benvido a estas reclamacións".
Pola súa banda, Ana Pontón celebrou o "xiro" do PP e instouno a apoiar a iniciativa que o Bloque levará ao próximo pleno do Parlamento galego para a creación dunha tarifa eléctrica galega.
"Se o PP agora está de acordo en que nos equiparemos a Euskadi e Cataluña parécenos ben", declarou Pontón, un día despois de que os catro grupos parlamentarios acordasen instar o Goberno do Estado a negociar o traspaso de todas as competencias pendentes a Galicia.
PPDEG, En Marea, PSDEG e BNG alcanzaron o acordo na Comisión Institucional a raíz do debate dunha iniciativa dos nacionalistas galegos que, inicialmente, esixía demandar ao Executivo central o traspaso das competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá. Ademais, a proposición non de lei tamén esixía dotar ao Corpo de Policía de Galicia das funcións contempladas na Lei de Policía aprobada polo bipartito en 2008.
Pontón insta aos populares a sumarse a outras propostas relativas a aumentar o autogoberno, como a creación dun "concerto económico" para Galicia "que permita recadar todos os impostos que se recadan neste país". "Imaxino que agora o PP estará de acordo", apostilou.
Para rematar, tamén chama a que o PPDEG se sume á iniciativa que levará o BNG ao próximo pleno para a posta en marcha dunha "tarifa eléctrica galega". "Esperamos que neste xiro do PP de Feijóo apoien a iniciativa para que Galicia non sexa menos que Euskadi, porque temos 400 postos de traballo en Alcoa en risco polo prezo da enerxía", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.