Médicos piden ao Sergas autonomía, eliminar "burocracia inútil" e contratar máis persoal

SEMG propuxo uns "acordos mínimos" que "deben ser asumidos e postos en práctica xa a partir do día 1 de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

Médicos demandan ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) autonomía dos centros de saúde, así como "tempo suficiente" para atender aos pacientes coa eliminación da "burocracia inútil", ademais de retirar "de forma inmediata a consulta ordinaria de sábados" e contratar aos novos médicos "con condicións adecuadas".

Un médico - Arquivo
Un médico - Arquivo | Fonte: EP

Así o trasladou este venres a Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) Galicia, cuxo presidente, Carlos Bastida, participou este xoves nunha nova reunión de médicos co Sergas para abordar o novo modelo de Atención Primaria para Galicia.

Deste xeito, SEMG propuxo uns "acordos mínimos" que "deben ser asumidos e postos en práctica xa a partir do día 1 de febreiro de 2019, co propósito de atender aos cidadáns de forma adecuada e con calidade precisa".

Como primeiro punto expoñen a "contratación dos novos médicos cunhas condicións laborais e retributivas adecuadas" e, ademais, "o suficientemente atractivas, que aseguren estabilidade e que non estean expostos á precariedade e á improvisación, garantindo a libranza ao día seguinte da garda".

Tamén piden que os novos facultativos manteñan "a máxima continuidade asistencial" e se acoute o ámbito xeográfico do traballo destes profesionais", que deberá ser avalada e supervisada pola comisión de seguimento. Así mesmo, SEMG Galicia reivindica "direccións de Atención Primaria con orzamentos independentes con capacidade de xestión dos mesmos" e autonomía dos centros de saúde "con capacidade de xestión organizativa polo menos en axendas e substitucións".

Tamén defenden unha "xornada de 35 horas semanais retirando de forma inmediata a consulta ordinaria de sábados e asimilar a situación do 24 e 31 de decembro ao resto da función pública". Outra das propostas demanda "tempo suficiente de consulta, eliminando a burocracia inútil, mellorar a comunicación entre niveis asistenciais, organización atención urxente en xornada ordinaria".

"Definir claramente os medios diagnósticos, materiais e profesionais en cada un dos centros de saúde, necesarios para atender correctamente á poboación, significando que a Atención Primaria vai ser fundamental para a atención á cronicidade e aos pacientes fráxiles", engade SEMG Galicia.

DOCENCIA

A iso suma o "recoñecemento curricular con certificado validado en Fides, tempo en axenda con código de docencia cun mínimo de dúas horas/residente/mes e inclusión en ADx" e a publicación da Lei de recoñecemento do Titor "antes de xuño de 2019".

Outras medidas céntranse no "acceso completo aos medios diagnósticos e probas complementarias que certifiquen a capacidade resolutiva da Atención Primaria en todas as EOXIs". "A aceptación e cumprimento destas propostas demostraría a predisposición da Administración na nova definición do modelo de Atención Primaria", concluíu SEMG Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta