Traballar o agro con animais, unha opción que aínda perdura no rural

Vender o tractor e substituílo pola tracción animal dunha egua: iso foi o que fixeron María Xosé e Miguel, unha parella de Allariz que montou unha horta ecolóxica. Para eles é algo "moito máis moderno", en termos de respecto ao medio e de aproveitamento do traballo. Din que o máis importante non é "gañar un montón", senón "vivir ben".

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 25/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A historia de María Xosé Castro e Miguel Morales é unha historia de aposta por un rural vivo. Hai cousa de seis anos decidiron trasladarse a unha contorna natural e emprender un proxecto de horta ecolóxica nunha parroquia de Allariz (Ourense). Quixeron volver ao de sempre de cheo, aínda que con certas reformulacións. De feito, tamén remataron por mudar o seu facer: venderon o tractor e agora empregan a tracción animal da súa egua Rosiña. Mimá, eh?

Un pedazo da horta de María Xosé e Miguel
Un pedazo da horta de María Xosé e Miguel | Fonte: Cedida

Mimá, coas primeiras sílabas dun e doutro, é xustamente o nome que lle deu esta parella á iniciativa. Namorados da vida natural e ecolóxica, admiten que sempre lles chamara moito a idea de asentarse no medio rural. “Buscamos un sitio agradable para vivir, nunha contorna bastante sa, cun bosque autóctono, e nunha zona que se ve que está libre de contaminación. Mercamos unha casiña e comezamos un proxecto sen saber moi ben aínda como iamos facer, pero todo se foi encamiñando cara a agricultura e a apicultura”, relata Miguel.

Ese proxecto, daquela aínda a medio pensar, foi evolucionando aos poucos –"non é algo que fagas dun día para outro!”, subliñan– e seis anos máis tarde atópase nun punto estable e profesionalizado. Contan con arredor de 13.000 metros cadrados de terreos e 60 colmeas, ademais de comercializar os seus produtos en mercados ou tendas.

Respecto diso, Miguel apunta que sempre se di da agricultura ecolóxica que ten uns prezos máis caros, pero “realmente están máis acorde co traballo que hai detrás”. Se cadra non son verduras tan bonitas, admite, pero si que se ve que teñen outro brillo. “Estan vivas!” Igualmente, pon en valor que nestes casos, ao final, “cultívase doutra maneira”. “Leva máis tempo, menos químicos. Ese tempo hai que pagalo, claro, pero compensa, porque estás investindo en saúde”, afonda.

E vaia se é un xeito diferente de traballar. E é que unha das decisións máis importantes que tomaron nesta andaina foi a de vender o tractor co que choiaban antes e substituílo por unha egua que lle mercaron a un veciño. “Todos temos na mente o traballo cos animais como unha volta ao pasado, pero realmente non é de todo así;  hai que aproveitar cousas que si que se facían antes, reformulalas e facer algo moderno a partir da tracción animal”, aclara Miguel con seguridade, coma quen xa está afeito a ter que explicar a súa elección.

Miguel, coa súa egua Rosiña, mentres faenan na horta
Miguel, coa súa egua Rosiña, mentres faenan na horta | Fonte: Cedida

Ademais, botan por terra –nunca mellor dito–  o cualificativo de “tradicional” ao falaren da escolla de valerse dos animais para os labores do agro. “Pódese ver así, ou simplemente ao revés: podes ver que estás facendo algo moito máis moderno, porque toda a tecnoloxía que hai agora pódese aplicar á tracción animal”, insiste.

A besta, di, é capaz de empuxar por sitios por onde un tractor non o dá feito, e dun xeito no que o tractor non o fai: sen contaminar, aproveitando os lindes da terra…  “En termos ecolóxicos é moito máis moderno. E, á parte diso, ti podes engancharlle atrás calquera apeiro”, aínda que se hai traballos que requiren de máis sofisticación, recorren a persoas que se dedican a ofrecer servizos con tractor por horas.

“PODES ASUMIR QUE É ASÍ”, PERO “SE QUERES CAMBIALO, HAI OUTRAS OPCIÓNS”

“Á parte de que estás conservando a terra para o futuro –non a estás contaminando a ela, non te estás contaminando ti, estala enriquecendo–  , cultivas para vender, pero tamén é o teu propio alimento”, contan, a fío das vantaxes que lle ven a este tipo de agricultura. “Nós xa temos o 80% da nosa alimentación entre os animais e a horta”.

Ademais, buscar unha forma de reducir o impacto ambiental foi un dos aspectos con máis peso á hora de valorar a posibilidade desa transformación. “Por exemplo, cando estabamos sementando, as persoas que ían detrás do tractor ían tragando todo ese fume”, amais de verse obrigados a soportar o ruído, traducido en contaminación acústica. “Podes asumir que iso vai ser así toda a vida e aceptalo, pero se queres cambialo, hai outras opcións. Hai que facer unha aposta decidida: formarse e informarse”.

No seu caso, non foi menos. Por iso, Miguel realizou un curso de formación intensiva ao abeiro dunha asociación portuguesa con “xente profesional que leva moitos anos traballando con animais na horta”. En Galicia tamén hai colectivos cuxa actividade se centra nisto, como a Asociación Galega de Tracción Animal.

A VIDA NO RURAL: "TAMPOUCO HAI QUE GAÑAR UN MONTÓN, SENÓN VIVIR BEN"

Antes de aventurarse neste proxecto de vida rural e horta ecolóxica, María Xosé e Miguel non tiñan un vínculo directo coa agricultura. Se ben sempre tiveran relación co mundo rural dende cativos, os seus anteriores traballos non tiñan que ver co agro. Miguel formouse como fotógrafo, pero exerceu tamén como camioneiro ou albanel, “o que ía xurdindo”. María Xosé, bióloga, traballaba como educadora ambiental en Adega.

“A ela si que lle gustaba o que facía, pero eu ao final traballei en moitas cousas que non te fan nin feliz, que simplemente son polo diñeiro”, confesa Miguel Morales, á vez que se alegra de ter atopado agora algo que, ademais de aportarlle sustento económico, tamén lle deixe desfrutar do que fai.

Contentos co camiño elixido, animan a outra xente nova a seguir outro parecido e confiar nas posibilidades do rural. "Que vaian moi concienciados”, iso si. Alentan a aproveitar a ilusión dos primeiros anos para ir construíndo un proxecto que, aínda que non ocupe todo o tempo, si que se poida compatibilizar con outros traballos.  Cren que "tampouco hai que gañar un montón de diñeiro, senón vivir ben”.

Quizais sexa iso o que queiran para a súa crianza de dous anos.  “Antes de enfrontarse a  ir á escola, vai saber perfectamente onde vive, coñecer os animais e unha pila de cousas que na cidade é máis difícil.  Vai educado no respecto ao medio ambiente e no gusto pola natureza. Faga o que faga, se iso lle queda dende pequeno, sempre vai volver".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta