Feijóo insiste en separarse da posición da UE e unirse a de Trump e Bolsonaro sobre Venezuela

"Non dicir claramente que estamos coa democracia en Venezuela é algo que España non se pode permitir", asegura.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/01/2019 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este venres que o presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Juan Guaidó, comprometeuse a facer "unhas eleccións libres e seguras" e advertiu de que España debe dicir "claramente" que está "coa democracia en Venezuela" ante a "fiestra de esperanza" que se abre no país. Unha posición moi diferente á que mantén a UE ou o Goberno de España, que é a de pedir moderación e respecto ante a complicada situación que vive o país americano.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA | Fonte: Europa Press

"Paréceme que non aproveitar esta oportunidade e non dicir claramente que estamos coa democracia en Venezuela é algo que España non se pode permitir", manifestou Feijóo aos xornalistas, coincidindo coa súa visita á feira de FITUR en Madrid.

O presidente de Galicia sinalou que Venezuela está a vivir nos últimos anos unha "constante e continua degradación" non só desde o punto de vista democrático e político, senón tamén humanitario porque a xente "estao pasado moi mal".

"En Venezuela hai dificultades para comer, hai dificultades sanitarias, non hai medicamentos e hai moitísima xente que se está indo, pasando a fronteira e volvendo outra vez a España e Galicia. Estamos nunha situación dramática", salientou.

"OU FACEMOS ALGO OU SEGUIRASE DETERIORANDO"

Ante esa valoración "obxectiva" do que está a ocorrer en Venezuela, subliñou que teñen que facer algo. "Ou facemos algo ou se seguirá deteriorando, deixaranse de respectar aínda con maior intensidade os dereitos humanos e pensarase que Venezuela é unha leira do actual Goberno", alertou, para subliñar que é un país "moi rico".

Tras subliñar que Venezuela ten unha "relación directa" con España -40.000 galegos viven alí, precisou-, Feijóo sinalou que a España lle ten que "ocupar e preocupar" o que está a suceder naquel país.

Ao seu entender, ábrese unha "fiestra de esperanza" neste momento, porque a Asemblea Nacional de Venezuela foi "elixida "democraticamente" cun presidente elixido tamén "democraticamente", en alusión a Juan Guaidó. Pola contra, dixo que o xefe de Goberno venezolano, Nicolás Maduro,  fixo unhas eleccións sen que se presentase a oposición porque "todo o mundo" sabía "quen era o gañador antes" de ir votar.

HAI QUE PENSAR NOS VENEZOLANOS

Por todo iso, pediu "aproveitar esta fiestra de oportunidade" que se abriu en Venezuela e pensar "exclusivamente" nos venezolanos, non na "formulación ideolóxica de cada un", porque se non o fan volverán perder "probablemente outra década".

O presidente da Xunta de Galicia afirmou que Guaidó se comprometeu a "devolver a democracia ao país" e a "facer unhas eleccións libres, seguras". Por iso, abundou en que "non aproveitar esta oportunidade e non dicir claramente" que España está coa democracia en Venezuela "é algo que España non se pode permitir".

Feijóo considera que tanto o expresidente socialista Felipe González como o expresidente 'popular' José María Aznar "levan razón", xa que é "necesario acabar con este réxime". Segundo engadiu, trátase de iniciar "unha formulación democrática no país" e "facilitar" que Guaidó "poida convocar unhas eleccións libres de xeito inmediato".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta