Conde culpa a "improvisada" transición enerxética do Goberno do peche de Meirama

Avanza que o luns haberá unha reunión entre Banco Santander, PIMAR e Vulcano para concretar as condicións da finalización do ferry

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reclamou ao Goberno central unha transición ecolóxica "xusta" fronte ás súas políticas "improvisadas" que, ao seu modo de ver, teñen como resultado "o peche das centrais térmicas" como a de Naturgy en Meirama (Cerceda, A Coruña).

Francisco Conde. EUROPA PRESS - Arquivo
Francisco Conde. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios antes da presentación dunha xornada de igualdade no ámbito laboral na Cidade da Cultura, Conde expresou que a Xunta "seguirá defendendo que se poida desenvolver un plan alternativo" que dea aos traballadores da planta a "resposta que necesitan", tras o anuncio do peche da factoría para 2020.

Neste sentido, o conselleiro volveu a denunciar o "incumprimento" de compromisos da empresa con Galicia, xa que "non está disposta a facer investimentos que outras empresas como Endesa", que mantén a central das Pontes, "si están dispostas a facer".

Ademais, criticou o proceso de transición enerxética "claramente improvisado" que mantén o Executivo de Pedro Sánchez, que "establece o peche das centrais". "Imos seguir traballando para que o Goberno asuma a súa responsabilidade e que faga unha transición xusta. E unha transición xusta é dar esa alternativa e esas oportunidades para que a comarca de Meirama poida ter unha solución nese proceso de transición enerxética", remarcou.

Precisamente, representantes do comité da central e auxiliares pasaron a madrugada encerrados no Concello de Ordes para manifestar a súa oposición á decisión de Naturgy de pechar a factoría e demandar ao Goberno galego a creación dunha comisión para defender en Madrid unha posición galega conxunta.

VULCANO E BANCO SANTANDER

Por outra banda, Conde tamén foi preguntado pola situación do estaleiro Vulcano de Vigo, cuxos traballadores demandan a mediación da Xunta para esixir que se lles paguen os seus salarios tras cinco meses sen cobrar, segundo denuncian.

Así, o conselleiro respondeu que o seu departamento "traballa con todas as partes para que se poida atopar unha solución, que pasa pola finalización do ferry". Por iso, aludiu a que iso require "necesariamente" que tanto o Banco Santander como a armadora Armas "poidan pór en marcha" o acordo bilateral que alcanzaron para que Vulcano "se poida comprometer, desde o punto de vista técnico e financeiro", co termo do buque.

"Desde a Xunta estamos a promover ese acordo. O vindeiro luns haberá unha reunión entre Banco Santander, PIMAR e o propio estaleiro para saber cales son as condicións que se inclúe nese acordo bilateral entre Santander e Armas", avanzou.

ISOWAT MADE

De igual modo, Conde abordou que tamén "seguen traballando con todas as partes interesadas" na procura de investidores para garantir a continuidade da factoría de Isowat Made na Coruña -en concurso de acredores- e salvagardar o emprego de 76 persoas, para o que comprometeu o "apoio financeiro" da Xunta "para que un investidor poida retomar a actividade".

"Neste momento hai que esperar a que finalice este prazo e esperemos que se poida atopar unha solución, complicada desde o punto de vista de atopar un investidor que poida dar continuidade ao conxunto dos traballadores", proseguiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta