A CIG-Saúde Lugo critica ter sabido pola prensa da ampliación horaria de hemodinámica no HULA

O sindicato di que como representates legais dos traballadores teñen dereito a coñecer calquera información sobre a carteira de servizos e a contratación de persoal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

CIG-Saúde Lugo criticou que se decatou a través da prensa da ampliación ás 24 horas de hemodinámica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), tras anunciar o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, este xoves, os detalles da ampliación.

Folga de Urxencias
Folga de Urxencias | Fonte: CIG

A organización sindical asegura que "sempre que hai unha apertura ou ampliación da carteira de servizos no HULA" decátanse pola prensa. Ademais, recordou que non é a primeira vez que se queixan da dificultade que a falta de información cáusalles "á hora de falar ben do hospital e da profesionalidade de todo o persoal".

Tamén explica que non piden a información "para romper a primicia informativa do conselleiro, senón porque como representantes legais dos/as traballadoras" teñen dereito a "coñecer calquera información relativa tanto á carteira de servizos como á contratación e condicións do persoal", e pídena "incluso con demora pero, por favor, antes de lelo na prensa".

CIG-Saúde Lugo asegura que "é triste o uso político que se fixo da apertura desta unidade repartindo estratexicamente en porcións esta apertura". "Segundo parece, en Lugo morremos igualmente por causa dun infarto independentemente da demora na asistencia. Iso díxollenos cando se abriu de tarde, que estabamos na media galega. E dirállenos unha vez que se abra hemodinámica 24 horas. Incluso podemos crelo pero non ten lóxica", relata a organización.

Tamén critica que se poña por diante a un comité de expertos/as para concluír que é mellor abrir tamén de tarde que só de mañá". Asegura que agora os expertos/as "dirán que é mellor abrir 24 horas que 14" e que isto "si que ten lóxica, pero non faría falta a intervención dos expertos para descubrilo".

A organización felicita, ironicamente, a Almuiña "polo inicio da campaña electoral para as municipais en Lugo" e tamén á poboación da cidade, xa que agora poderán ter "determinado tipo de doenzas cardíacas fóra de hora". Finalmente, solicitan á xerencia do hospital que lles informe da "dotación de persoal desta unidade, do persoal facultativo (non só de saber o número, senón tamén canta xornada complementaria terán que realizar) e do número e organización do persoal de enfermería".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta