O BNG reclamará no Parlamento que a área sanitaria de Monforte reciba "unha ambulancia medicalizada"

A parlamentaria Olalla Rodil di que os concellos do sur da provincia de Lugo teñen un servizo 061 de ambulancias deficiente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O BNG esixirá no Parlamento galego que a Xunta incremente o servizo de ambulancias no sur de Lugo, que conta con "só 3 repartidas en Chantada, Monforte e Quiroga" e ante o "feito grave" de que non haxa ambulancia medicalizada na área sanitaria monfortina.

Olalla Rodil, viceportavoz parlamentario do BNG
Olalla Rodil, viceportavoz parlamentario do BNG

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, alertou que "os concellos do sur da provincia contan cun servizo de urxencias sanitarias 061 absolutamente deficiente para atender as necesidades do conxunto da poboación que habita no extenso territorio que comprende". En concreto, existe "unha única ambulancia de garda en cada quenda de traballo en Monforte, outra en Chantada e unha máis en Quiroga e ningunha delas medicalizada", denunciou.

O BNG fai referencia en concreto á situación sufrida o 24 de xaneiro por un veciño de Monforte: circulaba co seu vehículo pola rúa Chantada e comezou a convulsionar, o que provocou a saída do coche da estrada atravesando a mediana. Os veciños e peóns deron aviso ao 061 pero "non había ningunha ambulancia dispoñible".

Isto debíase, relata o BNG, a que a de garda en Monforte dirixíase ao Hospital de Ourense cun traballador do balneario de Pantón, que sufriu un accidente laboral, e a de Chantada estaba de volta desde o HULA, polo que o centro de coordinación decidiu "enviar unha desde Ourense".

ÁREA DE MONFORTE, A "ÚNICA DE LUGO SEN AMBULANCIA MEDICALIZADA"

O BNG remarca que a área sanitaria de Lugo é a "única da provincia que non conta cunha ambulancia medicalizada", que si teñen Lugo e A Mariña, a pesar de tratarse de "un territorio extenso e orográficamente complexo". "Por exemplo, a base de Chantada ten que asumir Carballedo, Chantada e O Saviñao, o que complica moito máis os tempos de desprazamento e resposta", censurou Olalla Rodil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta