Case un millón de euros en axudas para entidades de iniciativa social con mulleres en situación de vulnerabilidade

Os colectivos máis vulnerables son as vítimas de violencia machista, inmigrantes, emigrante ou refuxiadas e as que pertencen a minorías étnicas entre outros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a convocatoria de axudas, para as que a Xunta destina 910.000 euros cofinanciados polo Fondo Social Europeo, orientadas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a realización de programas integrais de atención para mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

016, Teléfono Axuda Malos Tratos, Violencia De Xénero
016, Teléfono Axuda Malos Tratos, Violencia De Xénero

Segundo explica a Vicepresidencia a través dun comunicado, estes programas teñen como obxectivo "fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade" e para dotalas de "unha maior autonomía e independencia coa finalidade de mellorar a súa situación persoal e social".

Os programas irán destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, como as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancias tóxicas e perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións e reclusas ou exreclusas. Tamén terán esta consideración mulleres transexuais ou con conflitos de identidade de sexo, con discapacidade ou enfermidade mental, maiores ou viúvas, sen fogar ou desempregadas de longa duración.

DOUS TIPOS DE PROGRAMAS

Os programas que se financiarán serán de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres gestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos e "en situación de especial vulnerabilidade"; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.

As actuacións que deben levar a cabo a través destes programas inclúen servizos de información e orientación, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, mediación intercultural e/ou familiar, orientación e apoio laboral e actividades para adquirir habilidades persoais e sociais básicas. As solicitudes deben presentarse de xeito obrigatorio por medios electrónicos mediante o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo para a presentación das solicitudes finalizará o próximo 26 de febreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta