Condenan a 3 anos de cárcere a muller que provocou unha aterraxe forzosa en Lavacolla por levar droga no estómago

A muller foi intervida de urxencia cando se puido ver por radioloxía a presenza de corpos estraños no seu organismo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a tres anos de prisión e ao pago dunha multa de máis de 55.000 euros a unha muller que viaxaba desde a República Dominicana a Milán con 55 cilindros de cocaína no interior do seu corpo e que obrigou a realizar unha aterraxe forzosa en Lavacolla ao quedar inconsciente despois de que un ou varios dos cilindros rebentasen.

Xulgados De Santiago, En Fontiñas
Xulgados De Santiago, En Fontiñas

Así o determina a sentenza ditada este venres pola Audiencia Provincial, que desestima as alegacións da defensa da acusada e a condena a tres anos de cárcere. Os feitos sucederon o 12 de agosto do ano pasado, cando o voo que cubría o traxecto directo entre República Dominicana e Milán tivo que realizar unha aterraxe de urxencia no Aeroporto de Lavacolla, debido a que a muller, de 23 anos, estaba inconsciente.

Unha vez desembarcada en Santiago, a moza foi trasladada en ambulancia ao Hospital Clínico Universitario (CHUS), onde foi intervida de urxencia ao advertirse radioloxicamente a presenza de corpos estraños no seu organismo.

A cocaína que extraeron da súa vaxina e aparello dixestivo alcanzaría un prezo de venda no mercado ilícito de 52.368 euros, segundo indica o tribunal na sentenza. Ademais, nos efectos persoais recollidos pola Policía atopábase un bolso que contiña outros tres cilindros que expulsara no avión. O valor de venda da sustancia que contiñan sería doutros 2.958 euros.

A defensa da sospeitosa cuestionou durante o xuízo a xurisdición dos tribunais españois para axuizar os feitos, dado que o avión se dirixía a Milán sen parada en España. A Audiencia, con todo, indica no fallo que é competente porque "a conduta de portar droga desenvolveuse, entre outros lugares, no territorio español e no municipio de Santiago".

Ademais, os maxistrados rexeitaron ter en conta a atenuante de confesión, pois explican que o recoñecemento dos feitos foi "tardío" e que non achegou novos datos á investigación. Así, subliñan que as probas alleas á declaración da imputada sobre a tenencia da droga son "clamorosas" e que non ofreceu "ningún dato concreto sobre a identidade ou circunstancias de quen lle proporcionaron a droga ou dos seus destinatarios".

O tribunal tampouco tivo en conta a atenuante de drogadicción. "Consumos esporádicos non equivalen a unha grave adicción, o que tamén é coherente con que desde o seu ingreso en prisión non reciba tratamento por tal suposto grave problema, como expresou", subliñou a Audiencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta