Viaqua deberá pagarlle ao Concello de Teo máis de millón e medio de euros

"En contra dalgunhas interpretacións interesadas, o Concello sempre considerou que era unha sentenza satisfactoria para os intereses municipais", sinala o alcalde Rafa Sisto. A empresa fala de "interpretacións ambiguas".

Por Galicia Confidencial | TEo | 26/01/2019 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima o recurso presentado por Viaqua contra a liquidación do contrato e deberá pagar o concello máis de millón e medio de euros.

EDAR de tratamento de augas
EDAR de tratamento de augas | Fonte: viaqua-sa.es

O conflito xudicial iniciouse no momento no que se liquidou o contrato con Aquagest (antiga concesionario do servizo de saneamento e abastecemento do Concello), contrato que posteriormente foi declarado nulo de pleno dereito, ao non aceptar o cálculo da intervención municipal. Mentres que a liquidación da Intervención municipal estimaba que Aquagest debía uns dous millóns de euros ao concello, Viaqua (novo nome comercial de Aquagest) consideraba que o concello lle debía case catro millóns e medio.

O Concello recibiu esta semana o fallo do TSXG que resolve o recurso que presentara Viaqua contra a sentenza do ano pasado na que se avala o criterio da intervención municipal para realizar a liquidación do contrato, un contrato que foi anulado posteriormente.

As consecuencias económicas detalladas da sentenza son que Viaqua debe ao Concello:  2.331.274,85€ resultantes das liquidacións entre 2001 e o 3º trimestre de 2015, 762.246,10€ de enerxía eléctrica pagada polo concello e que debía ter asumido Viaqua e 229.884,82€ pola xestión da EDAR de Calo. Un total de 3.323.405,77€. Pola contra, o concello debe pagar 1.556.251,03€ polo investimentos realizados por Viaqua na rede municipal de Teo.

A liquidación final é polo tanto de 1.767.154,74€ a favor do concello. Contra este fallo do TSXG só cabe un posible recurso de casación diante do Tribunal Supremo, moi limitado polos conceptos admisibles neste tipo de recursos.

O alcalde, Rafael Sisto, destacou que "en contra dalgunhas interpretacións interesadas, o Concello sempre considerou que era unha sentenza satisfactoria para os intereses municipais e, de feito, foi Viaqua quen recorreu a sentenza".

Con todo, Viaqua fala de "interpretacións ambiguas" e descarta que poida interpretarse a que defende o Concello, "dado que sempre serían a favor de Viaqua, e que poderían ir desde case 300.000 euros ata 2.000.000 euros a favor de Viaqua". Nun comunidado, suliña que, por iso, se acudiu ao TSXG e que a execución "quedaría a expensas do procedemento de execución de sentenza, para que o Xulgado que ditou sentenza en primeira instancia, determine a concreta cantidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta