As balsas da mina de Touro poderían crear un desastre tres veces maior que o de Brumadinho en Brasil

A asociación Aldea Viva alerta do perigo de rotura nas balsas en base ao proxecto presentado por Cobre San Rafael. A Axencia Territorial de Minas pide actuacións inmediatas sobre verteduras de augas tóxicas en cursos de auga.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 28/01/2019 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Aldea Viva lanzou un comunicado logo de coñecérense os feitos de Brumadinho, no Brasil, coa rotura de balsas de contención mineira. Así a asociación veciñal remarca que “a balsa mineira proxectada a escasos metros das vivendas na aldea de Arinteiro tería unha capacidade máxima duns 50 millóns de metros cúbicos de lodos”. Segundo Aladea Viva “Estas cifras extráense do proxecto presentado por Cobre San Rafael” sinalando que a empresa “ademais cualifica o risco de rotura como moi alto seguindo as directrices da Asociación de Presas de Canadá. Por outra banda din “nese mesmo documento cífrase o posible número de perdas humanas entre 10 e 100”.

Balsa de residuos
Balsa de residuos | Fonte: Aldea Viva

A asociación Aldea Viva xa alertara no seu momento “da enorme perigosidade que suporía construír unha balsa de tales dimensións, con máis de 3 km de lonxitude e 50 m de alto, ó lado de núcleos de poboación”. Tamén apuntan que un caso coma o de Brasil acabaría coa ría de Arousa. Os datos dos que dispón Aldea Viva “falan dun total de 13 millóns de metros cúbicos vertidos tras a rotura das balsas mineiras no Brasil, unha cifra moi inferior á capacidade total da balsa de Arinteiro”.

Lembran ademais que “no ano 2015 no mesmo estado de Mina Gerais (Brasil) rompeu outra balsa mineira, tamén propiedade da empresa Vale S.A”. Os lodos “percorreran 700 km até chegar ao mar” un caso que “se podería dar facilmente  en Touro tendo en conta que a distancia á ría de Arousa  è moito menor e que os numerosos cursos fluviais que nacen na mina desembocan no río Ulla”.

Acusan á multinacional mineira responsable da catástrofe en Brasil de presumir “na súa páxina web da súa responsabilidade social corporativa, facendo especial fincapé na sostibilidade e no coidado do medio ambiente”. Comparan isto sinalando que “igual que a mineira de Touro, presume de xeito frecuente de facer "minería moderna do século XXI"”. Deste xeito acusan a Cobre San Rafael de estar realizando publicidade enganosa como outras mineiras.

MINAS ESIXE ACTUACIÓNS SOBRE VERTEDURAS DE AUGAS CONTAMINADAS

A Xefatura Territorial de Minas esixe á empresa propietaria dos terreos da mina de Touro que actúe inmediatamente sobre as augas que verte nos regos de Angumil, Portapego e Felisa sen autorización. Segundo denuncia o grupo socialista da corporación de O Pino, Unha inspección efectuada o pasado 11 de xullo pola pola Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon de manifesto a mala calidade das augas que proceden das antigas explotacións mineiras.

A Xefatura Territorial de Minas  esixe a Explotaciónes Gallegas, S.L. (EXGA) con data 30 de xullo de 2018  “un proxecto de drenaxe, tratamento, e control de augas. E, con unha especial énfase, inspección mineira, pide separar as augas da choiva das augas da explotación”.

EXGA, segundo a nota enviada polo PSOE de O Pino “tamén está obrigada a presentar unha memoria trimestral sobre o seguimento e control das augas a través de analíticas nos puntos de vertido, e con relación ao punto de vertido de Bama, tantas veces denunciado por distintos colectivos, minas, solicita mostras quincenais”. 

Estes datos estarían no “Proxecto de drenaxe temporal da Mina de Touro”, que á súa vez estaría en proceso de “información pública, tras saír publicado no BOP este pasado luns, 21 de xaneiro, e que pode ser consultado no Servizo Territorial de Augas de Galicia Centro, sito na Rúa de Tomiño, 16-baixo, Santiago de Compostela”.

Pola súa banda, o concelleiro polo PSOE de O Pino, Óscar Vilar, tras un pequeno estudo da documentación lamenta que esta iniciativa non sexa “de motu propio” por parte de EXGA, “lendo o expediente é fácil comprobar que todo isto ven motivado por un requirimento concluínte por parte de Minas, e que pon de manifesto todo o que levan denunciado a veciñanza, asociacións e plataformas” apunta.

Tamén critica que a día de hoxe, nos Concellos de Touro e O Pino os veciños non poidan consultar todo o expediente. Culpa de isto aos alcaldes, Ignacio Codesido e Manuel Taboada, ambos do PP. “Resulta difícil de crer, que tras a polémica xurdida polo proxecto de reapertura da explotación mineira, os Alcaldes sigan permanecendo pasivos e aínda non teñan solicitado toda a documentación para a súa comprobación e estudo”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta