Noriega asegura que este ano haberá "proxecto completo" da intermodal

O alcalde de Santiago argumenta que a esixencia de 3,5 millóns de pasaxeiros para executar a última fase implica unha "obrigación", pero que non é "limitativa" no caso de que non se alcancen.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2019 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, sinalou que, ao longo deste ano, se presentará o "proxecto completo" da estación intermodal compostelá, e argumentou que a esixencia de 3,5 millóns de pasaxeiros para executar a última fase implica unha "obrigación", pero que non é "limitativa" no caso de que non se alcancen.

Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.
Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.

Así respondeu ás críticas realizadas este luns polo portavoz municipal popular, Agustín Hernández, que puxo en dúbida a execución da terceira fase desta intermodal a raíz do convenio asinado no seu día entre os axentes implicados, entre eles o actual rexedor, no que se marcaba un mínimo de 3,5 millóns de pasaxeiros.

Con todo, Martiño Noriega apuntou que esta cláusula implica que a execución da terceira fase sería "obrigatoria" de alcanzarse esta cifra, pero "non limitativa", no sentido de que podería facerse "aínda que o tráfico sexa inferior".

Nesta liña, o alcalde lembrou que "Adif e o ministerio están a traballar para presentar este ano o proxecto global" e asegurou que, tras "anos de debates", non foi ata "o actual mandato" cando a cidade albiscou "que as grandes infraestruturas poden ser realidades".

"Eu entendo a frustración de Agustín Hernández, que nin como alcalde nin como conselleiro foi capaz de viabilizar grandes infraestruturas, e agora está a ver que son unha realidade", indicou.

LIGAZÓN ORBITAL

En canto ao Goberno central, Noriega explicou que desde o consistorio están "tranquilos" con respecto ás "grandes infraestruturas" pendentes, como é o caso da estación intermodal.

No entanto, expresou a súa preocupación polos fondos para a ligazón orbital, que dará conexión aos polígonos industriais. "Aí non pode haber escusas de malos pagadores", dixo o alcalde, que lembrou que se están "facendo os traballos administrativos de redacción do proxecto", están "feitas as expropiacións por parte do Goberno central" e, no caso do Concello, "está posto a disposición do Goberno central o terreo correspondente ao 'orbitaliño', a conexión coa N-550".

"Non ten ningún sentido que desapareza a proxección de fondos para o orbital, que debe ser un obxectivo para 2021", sentenciou Martiño Noriega, para quen esta é "unha batalla importante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta