Nace na Limia a Plataforma Auga limpa xa! para denunciar a contaminación en acuíferos da comarca

A plataforma nace como resposta ao que ven como grave contaminación dos acuíferos que, denuncian, provocan as instalacións agrarias e a mala xestión dos residuos.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 28/01/2019 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Veciños e veciñas das comarcas da Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei constituiron esta pasada semana a Plataforma Auga Limpa Xa! Esta iniciativa nace logo das denuncias de verteduras de residuos agrícolas que afectan aos acuíferos das comarcas.  En concreto, as persoas que integran este novo colectivo ecoloxista séntense  “preocupadas pola grave contaminación  provocada polas macro-granxas e pola deficiente xestión dos residuos que xeran”.

Plataforma Auga Limpa Xa!
Plataforma Auga Limpa Xa! | Fonte: Plataforma

A contaminación da auga nas comarcas afectadas no sur da provincia de Ourense, foi cuantificada en concentracións de diferentes elementos químicos. Así, segundo indican desde a Plataforma “en só tres anos aumentou nun 39% a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas na chaira da Limia”.

A situación que describen desde Auga Limpa Xa!, é que “hai veciñas e veciños que están consumindo auga non potable dos seus pozos porque descoñecen que superan os 50 miligramos de nitratos por litro”.  Segundo datos ofrecidos no seu comunicado, “actualmente na Unión Europea o nivel máximopermitido é de 50 mg/l, sendo 25 mg/l o valor guía”.

Noutro punto, destacan que “as analíticas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil chegaron a rexistrar ata 174 mg/l” en agosto 2017, perto da canle da Lagoa de Antela, na localidade de Vilariño das Poldras.  Como consencuencia disto “o mesmo organismo recoñeceu que a orixe deste problema está nos residuos gandeiros”.

Tampouco se libra dos efectos nocivos dos nitratos o encoro das Conchas, pois  “verán tras verán as augas non son aptas para o baño ao estar contaminadas polo nitróxeno e o fósforo que río Limia abaixo chegan á presa”. Unha das consecuencias dentro das augas do encoro das Conchas é que está “proliferando unha insalubre cantidade de cianobacterias que tinguen a auga de verde, desprenden un fedor forte e envelenan a flora e a fauna fluviais”.

Por outra banda, os datos da gandeiría intensiva, que desde varios colectivos consideran a orixe da alta contaminación nas augas das comarcas afectadas, tamén foron cuantificados. Así “as granxas de polos, porcos e tenreiros suman na chaira da Limia 75.000 UGM, unidade gandeira maior”. A pegada desta produción gandeira intensiva “supón unha carga equivalente á que provocarían 1.400.000 habitantes, sería o mesmo que ter a metade da poboación de toda Galicia en só o 1% do territorio galego” apuntan desde a Plataforma Auga Limpa Xa!

Por tanto, a galinácea, os xurros e o esterco que xeran as 400 macro-granxas que hai na Limia convértena nunha das zonas de Europa con máis concentración gandeira. Todo isto deixaría unha pegada ecolóxia importante, pois “estanse a ciscar sen control polas parcelas e montes unha boa parte destes residuos, non soamente na chaira limiá, tamén nas comarcas veciñas de Monterrei, Celanova e a Baixa Limia”.

A procura dunha solución ou de varias solucións fai que a plataforma Auga limpa xa! “chame a todos os actores implicados para buscar xuntos solucións a este grave problema”. Por iso demandan “medidas que garantan o acceso a unha auga de calidade”. Como primeiro paso e medida urxente, piden “unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións que xa están en funcionamento”.

A Plataforma defende unha “gandeiría vinculada á terra, produtiva e aos coidados do territorio, baseada en criterios de sostibilidade para xerar alto valor engadido e ter prezos xustos para as produtoras e produtores destas comarcas”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta