A borrasca Gabriel chega a Galicia

O vento alcanza o 120,3 km/h en Cedeira (A Coruña) e 109,7 km/h en Viveiro (Lugo)

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O vento na mañá deste martes deixou refachos de 120,3 quilómetros por hora no municipio costeiro coruñés de Cedeira e de 109,7 km/h no lucense de Viveiro.

Así consta nos rexistros de Meteogalicia ata as 11,30 horas, recollidos por Europa Press, nunha xornada na que hai avisos por vento e fenómenos costeiros por un temporal de vento e mar asociado á borrasca 'Gabriel'.

Ademais do 120,3 km/h rexistrados ás 11,00 horas deste martes en Cedeira e o 109,7 km/h ás 11,20 horas en Viveiro, o vento deixou refachos significativos noutras localidades con altitude menor de 900 metros como Cariño (A Coruña), con 105,3 quilómetros por hora; o 91,1 km/h no municipio coruñés de Malpica, e os 83,8 en Vimianzo (A Coruña).

Pola súa banda, en zonas con altitude maior de 900 metros o vento alcanzou os 95,2 quilómetros por hora na localidade de montaña de Manzaneda (Ourense) ás 7,20 horas, os 80,1 en Carballeda de Valdeorras (Ourense) ás 8,10 horas e os 78,6 en Baleira (Lugo) ás 10,20 horas.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alertou dun temporal costeiro de nivel laranxa nas provincias da Coruña e Lugo. Ademais, A Mariña luguesa permanece en alerta laranxa por ventos do noroeste con refachos de 100 quilómetros por hora que poden alcanzar o 110 km/h.

O nivel laranxa, segundo concreta a Xunta en relación á información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), empezará sobre as 15,00 horas deste martes no litoral noroeste da Coruña e Lugo. Así, espérase mar combinado do noroeste con ondas de cinco a seis metros.

Borrasca chegando a Galicia
Borrasca chegando a Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta