O Concello de Santiago aposta pola protección da paisaxe dentro do Plan Especial do Camiño Francés

O documento foi elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio para establecer medidas que garantan a protección do patrimonio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2019 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago remitiu á Xunta, para a súa avaliación ambiental, o Plan Especial Director do Camiño Francés, elaborado en colaboración co Consorcio de Santiago e que aposta pola protección da paisaxe como elemento crave.

O documento "supón un salto cara adiante na maneira de mirar o plan, centrándose na súa compoñente paisaxística, que é unha parte fundamental do Camiño de Santiago e do seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade", segundo explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, que presentou este luns o plan.

O documento foi elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio, por encargo do Concello de Santiago e ten como obxectivo "establecer as medidas necesarias para garantir a protección e recuperación do patrimonio que deba protexerse nos ámbitos do Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Monte do Gozo e a primeira liña de parcelas edificadas ao pé do Camiño".

A xerente do Consorcio, Belén Hernández, incidiu en que o "novo" deste documento "é a súa compoñente paisaxística e ambiental", algo que "se está aplicando en toda Europa.
A arquitecta do Consorcio Lourdes Pérez explicou que "a elaboración do documento partiu da diagnose da situación da contorna, tendo en conta información histórica, a caracterización da paisaxe ou a análise dos trazados do Camiño". A partir dese estudo, definíronse os elementos estratéxicos a ter en conta no Plan Especial Director: os elementos de valor ecolóxico, as diferentes escenas paisaxísticas, o Camiño de Santiago, os aspectos de valor patrimonial, os asentamentos de poboación e as súas dotacións e infraestruturas e o sistema agroforestal. O documento define os obxectivos a conseguir para cada un destes elementos estratéxicos.

BIODIVERSIDADE E PATRIMONIO

No relativo aos elementos de valor ecolóxico, os obxectivos do Plan Especial Director do Camiño Francés son evitar a perda de biodiversidade e a posta en valor dos recursos, favorecendo a interacción coas persoas. En canto ás escenas paisaxísticas, o documento persegue preservar as composicións visuais características da contorna, mellorar as deficiencias das paisaxes urbanas e periurbanos, recuperar as composicións visuais históricas, e conseguir unha mellora visual do Camiño.

O Plan Especial apunta tamén á necesidade de recuperar e acondicionar o Camiño de Santiago, avoga por protexer e recuperar o patrimonio intangible e o construído, e demanda a "revitalización dos núcleos de poboación", mellorando a súa "calidade estética e ambiental" e "favorecendo o equilibrio entre poboación e equipamentos e servizos". Por último, en canto ao sistema agroforestal, o documento ten como obxectivos pór en valor a paisaxe agraria e contribuír á sustentabilidade do modelo produtivo.

Durante a elaboración do Plan Especial Director do Camiño Francés, realizouse un traballo pormenorizado de análise e identificación dos elementos de interese patrimonial de tipo etnográfico, industrial, construído, arqueolóxico e natural, recollidos nun "pormenorizado catálogo" no que aparecen Áreas de Interese Ambiental, xacementos arqueolóxicos, vestixios históricos do Camiño, arquitectura relixiosa, vivendas agrarias e construcións adxuntas, como muíños ou pombais.

Plan Camiño de Santiago Concello. CONCELLO DE SANTIAGO
Plan Camiño de Santiago Concello. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta