O xerente da área sanitaria de Ferrol garante a asistencia pediátrica a tres concellos que a reclaman

Os alcaldes de Cerdido, Moeche e San Sadurniño queren a restitución do servizo tal e como se prestaba ata o pasado 11 de xaneiro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2019 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O xerente da área sanitaria de Ferrol, Anxo Facio, trasladoulles aos alcaldes de Cerdido, Moeche e San Sadurniño, que está "garantida a mellor asistencia posible para os nenos destes concellos" e que "a praza de pediatría para os 332 nenos destes concellos", ademais de para As Somozas, "é estrutural e a súa existencia non está en absoluto en cuestión".

Así o comunicou o máximo responsable da área sanitaria de Ferrol á primeira hora da tarde deste martes, mediante unha nota de prensa, tras manter un encontro cos rexedores de Moeche, Beatriz Bascoy (BNG), Cerdido, Benigno Galego (PSOE) e San Sadurniño, Secundino García (BNG).

O tres reclamáronlle, tal e como aprobaran os plenos dos seus municipios, a restitución deste servizo como se prestaba ata o pasado 11 de xaneiro. Segundo manifestou Facio, o único condicionante é que "na actualidade non hai profesionais de pediatría para contratar e que en canto haxa un profesional dispoñible, será contratado".

VERSIÓN DOS REXEDORES

Unha vez finalizado o encontro, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, asegurou que "a sensación" que teñen é que saen "igual" que cando entraron. "Levamos quince días sen servizo de atención especializada, de pediatría, e que ademais seguimos sen servizo de itinerancia, o que obriga aos nenos de Moeche, Cerdido e As Somozas a ter que desprazarse a San Sadurniño e que non hai ningunha garantía de que isto se solucione con carácter inmediato", indicou.

Bascoy tamén criticou que o encontro con Facio non se producise antes e así incidiu en que o xerente "se reuniu previamente, o día 24, co alcalde das Somozas", do Partido Popular, "e tamén con candidatos ás alcaldías do PP", o que lle valeu para asegurar que este é "un trato de absoluta falta de respecto facía as institucións e representantes legais e lexítimos dos concellos". A rexedora nacionalista tamén quixo destacar "o esforzo que están a facer os profesionais para poder acudir a pasar consulta ao centro de saúde de San Sadurniño", pero, engade, "esa non é unha desculpa" para o que reclaman. Deste xeito, estimou que esta situación se xerou como consecuencia de "unha falta de previsión e agora pagámolo".

ITINERANCIA

Por parte do Concello de Cerdido, Benigno Galego incidiu en que o seu municipio é un dos máis afectados. "O desprazamento desde nosas tres parroquias é máis difícil, pola distancia, e onde conciliar a vida laboral e familiar é por iso mais complicado", sostivo. O rexedor socialista destacou que, a tenor do manifestado por Anxo Facio, "isto vai para longo, é unha clara falta de previsión por parte do Sergas", ademais de incidir en que "agora son catro médicos voluntarios os que están a cubrir o servizo, e por tanto, tería que ser por parte deles e de maneira voluntaria a posibilidade de recuperar a itinerancia".

O profesional de pediatría asignada ata o pasado 11 de xaneiro nestes concellos atendía a 332 cartóns sanitarios, das que 124 están en San Sadurniño, 80 nas Somozas, 52 en Cerdido e 76 en Moeche. Ofrecíase asistencia sanitaria todos os días da semana entre as 8,30 e as 12,30 horas en San Sadurniño. Os luns e os venres a asistencia era completa, ata as 14,30 horas neste municipio e a profesional desprazábase o martes a Cerdido, os mércores ás Somozas, e o xoves a Moeche, para a atención de dúas horas semanais en cada dos concellos, de 12,30 a 14,30 horas. Na actualidade, co esforzo doutros profesionais que atenden a nenos en horario de tarde noutros concellos da área, preséntanse voluntarios para prolongar os seus horarios e ofrecer esta atención de mañá todos os días en San Sadurniño.

Pediatría
Pediatría

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta